A CEL impulsa os obradoiros multidisciplinares nos meses de abril e maio

LugoXa
Esta iniciativa ten como obxectivo facilitar ás empresas da provincia de Lugo formación práctica para avanzar na súa transición ecolóxica
Obradoiro-Conecta-CEL-Lugo
26 Mar 2025

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), en colaboración coa Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), impulsa os obradoiros multidisciplinares sobre Dixitalización, Sustentabilidade e Loxística Avanzada.

Esta iniciativa ten como obxectivo facilitar ás empresas da provincia de Lugo formación práctica para avanzar na súa transición ecolóxica.

O programa formativo abordará cuestións clave como a análise do ciclo de vida das empresas e os seus produtos, a descarbonización da cadea loxística, a xestión e valorización de residuos, a optimización do consumo enerxético e a simbiose industrial. Para iso, contarase coa participación de relatores especializados en cada materia, así como coa exposición de casos de éxito empresarial.

As sesións de formación desenvolveranse entre os meses de abril e maio de 2025 en modalidade híbrida, combinando asistencia presencial e online, para adaptarse ás necesidades de cada empresa.

O programa formativo

O plan inclúe un total de cinco sesións teórico-prácticas, de tres horas de duración cada unha, que se celebrarán en horario de mañá (de 11:.00 a 14.00 horas).

Ademais, os participantes terán a oportunidade de asistir a unha sesión Living Lab, que consistirá nunha visita a unha planta industrial con boas prácticas medioambientais, así como a un Think Tank final, un foro de peche para o intercambio de experiencias e solucións. O programa completarase con titorías periódicas individualizadas.

Esta formación está deseñada para ser altamente especializada e personalizada, ofrecendo prazas limitadas a só dez empresas. Está dirixida a persoas directivas e responsables de empresas agroalimentarias, así como a técnicos e responsables dos departamentos de innovación, I+D+i, sustentabilidade, procesos e calidade - medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.17448115348816