A CEL organiza un webinario sobre seguridade e saúde laboral na era dixital

LugoXa

Abordaranse os principais puntos de interese na prevención de riscos laborais na actualidade, con atención ás áreas prioritarias marcadas pola Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora estes días.

traballos era dixital curso cel
traballos era dixital curso cel
24 oct 2023

Abordaranse os principais puntos de interese na prevención de riscos laborais na actualidade, con atención ás áreas prioritarias marcadas pola Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora estes días.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza para este xoves, 26 de outubro, un webinario informativo sobre seguridade e saúde laboral na era dixital.

De carácter gratuíto, terá lugar a partir das 11:00 horas e contará coa aportación de Jaime Villaverde Hevia, director técnico nacional en PRL de Ibersys Seguridad y Salud S.L. É necesaria reserva de praza, que pode tramitarse a través da web da CEL ou chamando ao 982 231 150.

O webinario é unha actividade do Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde Laboral da CEL, que se suma á conmemoración estes días da Semana Europea de Seguridade e Saúde Laboral, cita promovida pola Axencia Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA)  que inicia neste 2023 unha nova campaña divulgativa baixo o lema Traballos saudables na era dixital.

A OSHA destaca que esta nova campaña se basea na investigación levada a cabo pola EU-OSHA para a visión xeral da SST sobre a dixitalización 2020-2023. Entre outros datos, sinala que a enquisa ESENER de 2019 da EU-OSHA atopou evidencias de que o aumento do uso das tecnoloxías dixitais no lugar de traballo está vinculado a riscos psicosociais, como a prema dos tempos, a mala comunicación ou cooperación, a precariedade laboral e o traballo en quendas longas ou horarios irregulares.

Ademais, na enquisa OSH Pulse de 2022 da EU-OSHA realizada entre o persoal, as persoas enquisadas afirman que coas tecnoloxías dixitais traballan en soidade (44%), senten máis vixiados no traballo (37%), redúcese a súa autonomía no traballo (19%), a velocidade ou o ritmo de traballo lles vén imposto (52%) e a súa carga de traballo aumenta (33%).

Así mesmo, os datos da enquisa OSH Pulse de 2022 da EU-OSHA mostran que as persoas que traballan na casa declaran experimentar un aumento da carga de traballo (33,2%), da velocidade ou o ritmo de traballo que vén determinado polas tecnoloxías dixitais (61,2%), do illamento social (56,8%) e da presión de tempo ou a sobrecarga de traballo (46,9%) con maior frecuencia que a poboación activa total.

Por outra banda, a crecente dixitalización da economía e o uso das tecnoloxías dixitais no lugar de traballo ofrecen oportunidades para as empresas e o seu persoal, incluídas novas oportunidades para mellorar a seguridade e a saúde no traballo.

Máis info da Semana Europea da SST na web da CEL.