A CIG esixe a apertura inmediata da negociación do convenio do comercio de alimentación en Lugo

LugoXa
O sindicato convoca concentracións este mércores diante de Froiz e Gadis para reclamar avances salariais e laborais
CIG-Lugo-1-de-maio
1 Jun 2026

A CIG reclama á patronal do comercio de alimentación da provincia de Lugo que proceda de inmediato á constitución da mesa de negociación do convenio colectivo, cuxa vixencia, segundo sinala o sindicato, rematou o 31 de decembro de 2025 sen que se producisen avances nas conversas.

Para visibilizar esta demanda, a central sindical ten convocadas dúas concentracións para este mércores, 3 de xuño, ás 11:00 horas diante do Froiz da rúa Montero Ríos e ás 12:00 horas diante do Gadis da rúa Quiroga Ballesteros, en Lugo.

A CIG-Servizos denuncia que, malia o tempo transcorrido e a insistencia da organización, a patronal non convocou aínda ás partes, o que, ao seu xuízo, está a provocar unha perda de poder adquisitivo e de dereitos para o persoal do sector.

O sindicato subliña que as traballadoras e traballadores do comercio de alimentación na provincia se atopan actualmente en desvantaxe tanto a nivel salarial como en dereitos sociais respecto doutros territorios. Por iso, urxe á patronal, encabezada por empresas como Gadis e Froiz, a activar a negociación e impulsar un convenio con melloras salariais e condicións laborais máis favorables.

A CIG insta ademais a tomar como referencia o acontecido na provincia de Ourense, onde o persoal do sector conseguiu o ano pasado o mellor convenio da súa historia tras xornadas de folga e mobilizacións que, segundo o sindicato, foron decisivas para mellorar as condicións laborais.

0.11205196380615