A CIG insta ao Concello de Castroverde a recuperar a xestión do SAF

LugoXa
A CIG insta o Concello de Castroverde a recuperar a xestión directa do SAF ante a situación de incerteza na que se atopa.
folga saf
folga saf
30 jun 2021

A CIG insta á Corporación municipal de Castroverde a "promover as medidas necesarias para recuperar a xestión directa do servizo público do SAF ante a incerteza na que se atopa". Así pois, defende que "corresponde ao Concello prestarlle aos veciños e veciñas nas mellores condicións e garantindo o respecto aos dereitos laborais".

"Despois da CIG facer público a situación de atraso no pago das nóminas, a empresa ingresoulle ás traballadroas os salarios de maio, pero aínda lles adebeda as pagas extraordinarias e os atrasos en diferenzas nos conceptos salariais" sinalan dende o sindicato. Ademais, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, "as arredor de 30 traballadoras seguen nunha situación de total incerteza xa que a nova adxudicataria, AZVASE, xa amosou as súas dúbidas sobre facerse cargo do servizo ou renunciar, por se ten que asumir estas débedas económicas".

 

Aclaración da situación do servizo

"A isto hai que engadir que houbo impugnacións á adxudicación por parte doutras empresas participantes no concurso, que están aínda sen resolver. Todas estas cuestións foron formuladas polas traballadoras na reunión mantida co alcalde de Castroverde, que non aclarou ningunha das dúbidas nin ofreceu máis información da xa coñecida" engadiron dende a CIG.

Paz lembra que Asistencia Castroverde solicitou concurso de acredores, polo que as traballadoras non saben cando van cobrar estas débedas ou sequera se percibirán a próxima nómina. Pois hai que ter en conta que nos concursos,  "aínda que o persoal ten preferencia, non é o primeiro en cobrar,  xa que primeiro serían os créditos contra a masa, é dicir, os gastos do propio concurso, administrador etc., e despois irían o resto de acredores", sinala.

Ante a esta situación, a CIG insta "a remunicipalizar o SAF, garantíndose así a prestación deste servizo básico directamente polo Concello, en condicións laborais dignas e coa calidade asistencial que merecen as persoas usuarias".