A Comisión de Acción Feminista do BNG de Lugo esixiu á Xunta de Galicia un compromiso real coas vítimas

LugoXa
Ademais, abordouse nunha reunión a “necesidade de visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres na nosa sociedade"
25N-feminismo-Lugo
19 Nov 2024

A Comisión de Acción Feminista do BNG de Lugo reuniuse para preparar as iniciativas que se levarán a cabo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista.

Durante a reunión, a Comisión esixiu á Xunta de Galicia un compromiso real para abordar con urxencia medidas tan necesarias como “reforzar a atención psicolóxica ás vítimas como parte da Atención Primaria, e ampliar e mellorar os Centros de Información á Muller (CIM), garantindo financiamento suficiente e persoal suficiente e especializado”, insiste Maite Ferreiro.

A Comisión de Acción Feminista expresou a súa preocupación polos retrocesos institucionais promovidos polo goberno da Xunta, como a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade ou a precarización dos recursos de atención ás vítimas. Fronte a estas políticas, explica Maite Ferreiro,  “reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade libre de violencias machistas e animamos á veciñanza a participar nas actividades programadas e nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista”.

Ademais, abordouse a “necesidade de visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres na nosa sociedade, así como de impulsar medidas concretas para frear esta lacra”.

No marco do 25N, o BNG de Lugo desenvolverá diferentes actividades para concienciar sobre esta problemática e mobilizar á cidadanía. Entre elas, unha charla divulgativa, onde se analizará a situación actual da violencia machista en Galicia e se propoñerán solucións para mellorar os sistemas de protección e atención ás vítimas, así como a publicación dun vídeo nas redes sociais, “co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a violencia machista e a importancia de combater os discursos negacionistas”, aclarou Ferreiro.

No que vai de 2024, rexistráronse tres feminicidios en Galicia, os de Fadoua Akkar, Mercedes Ríos Muñiz e Andrea Yturry Alave, que deixaron tras de si dúas crianzas orfas e unha sociedade conmocionada. Estes feminicidios son só a expresión máis extrema dunha realidade que se reflicte tamén en máis de 1400 ordes de afastamento, 7795 casos activos no sistema Viogen e máis de 900 delitos contra a liberdade sexual rexistrados no último ano, un 20% máis que en anos anteriores.

A Comisión de Acción Feminista alertou sobre o risco de normalizar estas cifras, favorecido polos discursos negacionistas e banalizadores promovidos por sectores conservadores e de extrema dereita. “Non podemos permitir que a violencia machista se asuma como algo inevitable. É unha responsabilidade colectiva, institucional e social garantir os dereitos humanos das mulleres e combater esta realidade”, destacou Ferreiro.

 

0.20350384712219