A compañía Chévere trae a Lugo o seu traballo 'Helen Killer, a muller marabilla'
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que continúa a programación teatral do Auditorio Municipal Gustavo Freire.
Este xoves, 21 de novembro, a compañía Chévere trae á nosa cidade o seu traballo 'Helen Killer, a muller marabilla', unha obra que modifica algunhas das chaves do traballo da compañía, tratando de modificar os seus métodos para desbordar os límites e as estratexias das prácticas actuais de teatro documento. Para fuxir do ensimismamento. Para non saír na foto. Para non perder o costume de seguir buscando. Chévere afástase das historias máis ou menos locais e da mirada xeracional, pero mantendo o interese por narrar desde as zonas de fricción entre a memoria colectiva e os relatos oficiais.
Helen Killer, a Muller Marabilla é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso, a compañía integra na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua de signos.