A comunidade de montes de Orbazai impulsou xunto coa Xunta a rexeneración da senda do río Mera

LugoXa
Os traballos, cun investimento de 57.600 euros, melloraron o acceso á ruta dos Muíños, un espazo de gran valor natural e patrimonial en Lugo
Senda-Orbazai-Lugo
12 Sep 2025

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Miguel de Orbazai colaborou coa Xunta de Galicia na rexeneración dunha senda no entorno do río Mera.

O delegado territorial, Javier Arias, e o presidente da entidade de montes, Pablo González, visitaron o lugar no que se  desenvolveron os traballos, que melloran o acceso tanto a pé como en vehículo á ruta dos Muíños, na parroquia de Orbazai.

As actuacións centráronse na roza e limpeza da vexetación, o refino e replaneo do camiño coa apertura dunha cuneta e a fixación de firme tanto asfáltico como de pedra.

A intervención permite recuperar o acceso á ruta dos Muíños, chamada así pola relevancia histórica dos muíños do río Mera, que durante séculos foron fundamentais para o abastecemento de fariña á cidade de Lugo. A senda atopábase moi deteriorada polo paso do tempo e presentaba un mal estado de conservación.

As obras foron promovidas pola comunidade de montes mediante un convenio coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achega o 80 % do orzamento e o investimento total ascendeu a 57.600 euros.

⚙ Configurar cookies
0.17689299583435