A Concellería de Muller organiza o luns en Lugo unha xornada sobre a menopausia con catro especialistas

O Concello de Lugo celebrará este luns, 19 de outubro, a xornada Menopausia: falar, entender, coidarse, impulsada pola Concellería de Muller, para favorecer unha visión integral desta etapa da vida das mulleres, resolver dúbidas e desmontar mitos a través da información e do acompañamento profesional.
O encontro terá lugar no Vello Cárcere con motivo do Día Internacional da Menopausia e contará coa participación de catro especialistas que abordarán diferentes dimensións desta etapa, desde os cambios físicos ata o benestar emocional e os hábitos de alimentación.
A mesa estará integrada pola médica de familia Ainhoa Rois García, a xinecóloga Ana López Domínguez, Paula Cores, xefa de Psiquiatría do HULA, e a nutricionista Sara Barreiro. As profesionais ofrecerán orientacións prácticas sobre os cambios que poden aparecer durante a menopausia, cando é recomendable consultar cun especialista e que hábitos poden contribuír ao benestar.
A xornada pretende tamén dar visibilidade a cuestións que con frecuencia se viven con dúbidas ou falta de información, como as alteracións do sono, os cambios no estado de ánimo ou o impacto emocional desta etapa. O obxectivo é facilitar que as mulleres conten con información fiable para comprender o que lles sucede e identificar cando precisan apoio profesional.
O encontro reservará ademais un espazo para que as persoas asistentes poidan trasladar as súas preguntas directamente ás especialistas e recibir recomendacións útiles para o seu día a día.
Con esta iniciativa, o Concello de Lugo promove unha abordaxe aberta e integral da menopausia, contribuíndo a normalizar a conversa arredor desta etapa e a poñer o coidado da saúde e do benestar das mulleres no centro.