A contorna de Fermín Rivera renovarase con máis de 2 millóns e obras previstas para 2027

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron no Salón de Comisións da Casa Consistorial o convenio de colaboración para executar o proxecto de recuperación da contorna de Fermín Rivera, unha actuación estratéxica que suporá unha transformación integral deste espazo fluvial.
O proxecto contará cun investimento superior aos 2 millóns de euros e permitirá mellorar de forma ambiental, paisaxística e funcional unha zona de gran valor para a cidade, incrementando o seu uso público e reforzando a integración coa contorna residencial. Segundo o convenio, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil asumirá o 95 % do financiamento, mentres que o Concello de Lugo achegará o 5 % restante.
A sinatura deste acordo dá continuidade ao protocolo rubricado entre ambas administracións o pasado mes de maio e permitirá materializar un proxecto clave para a cidade, cuxas obras poderán iniciarse ao longo de 2026, unha vez completada a tramitación administrativa e a adxudicación prevista para a próxima primavera.
O alcalde destacou que “este acordo responde a unha estratexia clara: recuperar a nosa contorna urbana e fluvial con espazos públicos de referencia, integrados na vida urbana, ao servizo das persoas e do desenvolvemento equilibrado de Lugo”. Fernández puxo en valor a cooperación institucional coa CHMS, engadindo que “este convenio non é un feito illado, senón unha mostra de que cando as administracións colaboran con visión de futuro, os resultados chegan á cidadanía, mellorando a súa calidade de vida”.
Segundo explicou, proxectos como Fermín Rivera, a unión dos paseos do Miño e do Rato —que completou o cinto verde da cidade— ou os futuros acondicionamentos das ribeiras forman parte dun modelo de cidade máis verde, sostible e conectada coa súa contorna natural.
Pola súa banda, José Antonio Quiroga subliñou o carácter ambicioso da intervención, indicando que “permitirá mellorar a funcionalidade dun espazo no que o barrio da Ponte poderá recuperar e reforzar a súa relación co medio natural”. Quiroga detallou que “o proxecto atópase moi avanzado e a previsión é licitar as obras en xullo, unha vez completados os trámites administrativos, e que o núcleo principal das obras se desenvolva ao longo de 2027”.
O presidente da CHMS subliñou que “con este convenio inicia a fase máis esperada do proxecto, a execución das obras, deixando atrás a planificación”, lembrando que o proceso administrativo require cumprir cos prazos públicos antes do inicio dos traballos.
A intervención terá un impacto directo na calidade de vida da veciñanza, mellorando a accesibilidade, a seguridade e o aproveitamento social do espazo fluvial, consolidándoo como un lugar de convivencia e lecer. Con este convenio, ambas administracións reforzan o seu compromiso coa recuperación dos espazos fluviais como elementos estruturantes da cidade, promovendo un desenvolvemento urbano máis amable, sostible e respectuoso co medio natural.