A coordinadora Un Vento Ven convoca unha manifestación contra a "depredación enerxética" o domingo 21

LugoXa
A coordinadora local Un Vento Ven convoca unha manifestación contra a "depredación enerxética" o domingo 21
manifestacion un vento ven portada
manifestacion un vento ven portada
9 Maio 2023

A coordinadora local Un Vento Ven, en Lugo, convoca para o vindeiro domingo 21 de maio ás 12.30 a manifestación  “O pobo galego unido contra a depredación enerxética”.

Dende a cordinadora fa un chamamento á cidadanía para "visibilizar a oposición social crecente, tanto nas áreas rurais como urbanas, á proliferación masiva de polígonos industriais eólicos imposta pola Xunta de Galicia e o Goberno do Estado ao rebufo dos intereses do oligopolio enerxético".

Para este colectivo "a produción de enerxía renovable ten que levarse a cabo dun xeito racional e ordenado, e non a base de modificar a lexislación para dificultar a participación social e acelerar o desenvolvemento de polígonos industriais eólicos sen ter en conta os seus impactos medioambientais e humanos, como  está a acontecer arestora".

Engaden que "estes polígonos afectan directamente ás augas, á paisaxe, a unha cuestión esencial para a nosa supervivencia como é a produción de alimentos, así como á flora e á fauna protexida, prexudicando directamente a calidade de vida da veciñanza, que de executarse estes proxectos verían relegadas as aldeas nas que habitan á condición de parcelas dun polígono industrial".

Para Un Vento Ven "a produción de enerxía debe facerse baixo criterios que respecten a nosa contorna, o noso patrimonio, a ecoloxía e a vida de xente, e non dándolle para adiante ás présas e masivamente ás Declaracións de Impacto Ambiental (DIA) -como fixo a Xunta de Galicia cas 77 aprobadas a principios de ano-, nin lanzando de golpe 75 polígonos, como anunciou o presindente Rueda a finais do mes de abril".

"Atendendo á nosa superficie, Galiza é o primeiro territorio en xeración de enerxía eólica a nivel estatal. A nosa terra está xa ocupada con máis de 180 polígonos eólicos en funcionamento, superando os 4.000 muíños e os 3887 MW de potencia instalada. Inda asi, baixo a febre dos fondos Next Generation EU, existen máis de 300 novos proxectos en fase de tramitación, ca intención de multiplicar inda máis os desorbitados beneficios das empresas enerxéticas duplicando esta potencia" informan dende o colectivo.

Ademais engaden que "en eólica mariña, cinco dos 19 polígonos proxectados en todo o Estado están en Galicia, ocupando 2.350 metros cadrados, é dicir, o 47% da superficie total. Esta invasión de proxectos non ten como principal obxectivo descarbonizar a economía para satisfacer as demandas enerxéticas da poboación nun mundo máis xusto, senón que resposta a fins economicamente lucrativos para as empresas, convertendo a electricidade noutra burbulla especulativa máis na que o mercado é o unico importante. De feito, grande parte da enerxía producida a base da súa concentración en áreas de sacrificio, como aquí, pérdese durante o seu traslado aos centros de consumo".

Por todo isto para Un Vento Ven "é urxente deter o cambio climático, pero non se fará seguindo este vórtice suicida de desenvolvismo e extractivismo. Como nos lembra o propio Panel Intergubernamental sobre Cambio Cliático da ONU: antes que calquera outra, a mellor medida para loitar contra o cambio climático é a preservación dos ecosistemas, por iso pedimos paralizar de xeito inmediato o plan eólico vixente e os proxectos en trámite, e apostar por un modelo enerxético transparente, xusto, descentralizado e descarbonizado, que potencie a soberanía enerxética dos pobos, con redución do consumo e sustentado en redes de distribución local".

"Logo das manifestacións celebradas na Coruña en setembro do ano pasado e en Vigo a principios do presente, o domingo 21 de maio, ás 12.30 seguindo o ronsel de Foi Polo Vento e Veu Polo Aire e de tantas compañeiras que loitan, sairemos á rúa en Lugo para berrar que Un Vento Vén, un vento cada vez máis forte, que sabe da insostenibilidad deste modelo económico, e que lembra que o territorio tamén é noso e a forma de habitalo perténcenos" conclúen.

manifestacion un vento ven
0.19441103935242