A Coral Lucus Terra preséntase na Casa do Saber para poñer en valor a música tradicional galega

A Coral Lucus Terra presentarase este martes 5 de maio ás 20:30 horas na Casa do Saber de Lugo, nun concerto que marca o inicio público desta nova formación musical vinculada á Asociación “Estudantado Cuarto Ciclo Campus de Lugo-USC”, integrada por persoas maiores de 50 anos no marco do denominado Cuarto Ciclo Universitario.
A iniciativa xorde dun acordo adoptado en xaneiro de 2023 dentro das actividades culturais da asociación, coa creación dunha coral centrada na música tradicional galega. O obxectivo principal é dar visibilidade a este programa universitario para maiores, ao tempo que se promove a difusión, dignificación e transmisión da cultura tradicional a través da lingua e da música propias.
A Coral Lucus Terra, unha das formacións máis recentes da cidade, escolleu precisamente o repertorio tradicional galego como eixo central do seu traballo, recuperando a tradición das corais históricas do país e adaptándoa ao contexto actual. O proxecto busca encher de significado cada actuación, entendendo a música como un vehículo de identidade cultural e memoria colectiva.
A agrupación fai referencia tamén ao legado de Castelao e ás Letras Galegas 2025, reivindicando a escoita e a posta en valor das cantareiras que contribuíron a conservar e transmitir a lingua, a música e a cultura galega ao longo do tempo. Así mesmo, enmárcase no contexto da recente declaración da música tradicional como Ben de Interese Cultural, feita en decembro de 2025, que reforza o compromiso do grupo coa investigación e a preservación deste patrimonio inmaterial.
A Coral Lucus Terra está dirixida por Bruno Villamor Gay, titulado superior na especialidade de instrumentos de música tradicional e popular galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, quen lidera este proxecto centrado na recuperación, revitalización e difusión da música de raíz.