A CSIF reclama no HULA unha carreira profesional máis xusta e melloras retributivas para o persoal con quenda fixa

A CSIF concentrouse diante do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para reclamar unha carreira profesional máis xusta e un complemento retributivo para os traballadores e traballadoras do Sergas con quenda fixa. A mobilización en Lugo enmárcase nas protestas convocadas polo sindicato nos principais hospitais de Galicia.
Entre as principais reivindicacións da organización figuran un novo encadramento da carreira profesional, o establecemento dun complemento salarial para os profesionais con quenda fixa e a apertura inmediata dunha negociación coa Administración sanitaria.
A través destas concentracións, a CSIF busca visibilizar as necesidades do persoal do Sergas e reclamar avances concretos no recoñecemento do seu traballo, dos seus dereitos e das súas condicións laborais. O sindicato defende a necesidade de avanzar cara a unha sanidade pública que tamén coide os profesionais que a fan posible.