A Deputación abordará o martes nun pleno a situación da rede de centros de maiores
O presidente da Deputación, José Tomé, decidiu convocar para o vindeiro martes, 20 de agosto, ás 11.00h, o Pleno extraordinario solicitado o venres pasado polo Partido Popular sobre a rede de centros de atención a maiores. Deste xeito, a sesión celebrarase pouco máis dunha semana despois do rexistro da petición, o que pon de relevo unha vez máis a axilidade, rigor, total transparencia e respecto institucional co que actúa o Goberno provincial, así como a súa firme vontade de coartar de inmediato calquera intento de manipulación do PP ao respecto da rede de residencias que xere a máis mínima incerteza nos concellos e na veciñanza. “Fronte ao intento de manipulación do Partido Popular, o Goberno responde con máxima transparencia e información aos Concellos e aos veciños para evitar que os enganen”, subliñou José Tomé.
Como fixo dende o primeiro momento e en virtude do acordo de Goberno acadado entre PSdeG e BNG, o Executivo provincial garante o cumprimento de todos e cada un dos compromisos adquiridos cos Concellos ata a actualidade en materia de construción e posta en marcha de residencias, ao tempo que reafirma que non se formalizará ningún novo, xa que os servizos sociais son unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, motivo polo que se intentará, a través do diálogo e a colaboración institucional, que a comunidade autónoma asuma esta responsabilidade.
O presidente puxo tamén de relevo que o PP nin sequera lle deu un mes ao equipo de Goberno, dado que tomou posesión o 18 de xullo e o 9 de agosto xa estaba facendo a solicitude dun Pleno extraordinario, ademais sobre “un plantexamento irreal, dado que o Goberno da Deputación nunca fixo as afirmacións que dixo a voceira dos populares, Elena Candia” en relación coas residencias.