A Deputación abre o prazo de inscrición das novas actividades nas Reservas de Ancares e Terras do Miño
A Deputación de Lugo mantén abertas desde o xoves 25 de setembro o prazo de inscrición para as actividades gratuítas de lecer e educación ambiental que se desenvolverán durante o último trimestre de 2024 nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A programación inclúe un total de 16 propostas que buscan promover un lecer saudable e fomentar a educación ambiental entre a veciñanza. As actividades están dirixidas tanto a adultos como a nenos e nenas e ofrecen máis de 290 prazas.
A programación comezará o 14 de outubro e prolongarase ata o 30 de decembro, con obradoiros, xornadas e rutas que se desenvolverán en diversos espazos das dúas reservas. A primeira actividade será unha Xornada sobre micoloxía, que se celebrará do 14 ao 19 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos en Lugo, en horario de 19.30 a 21.30 horas. Esta iniciativa, que inclúe tamén unha saída ao campo, conta con 100 prazas para adultos.
Entre o 21 e o 25 de outubro terá lugar a actividade Cultivos de Outono-Inverno no Centro de Interpretación Terras do Miño, cun horario de 16:00 a 20:00 horas e un total de 20 prazas dispoñibles. Ademais, os días 28, 29, 30 e 31 de outubro celebrarase o obradoiro Propagación de plantas de interior, con 15 prazas e un horario de 10:00 a 14:00 horas.
En novembro, as actividades inclúen o obradoiro Primeiras nocións: xestión da colmea, que se desenvolverá en varias sesións do 8 ao 17 de novembro, cun total de 12 prazas. Tamén haberá dous obradoiros de Poda, un do 18 ao 22 de novembro, con 15 prazas, e outro do 16 ao 20 de decembro, con 20 prazas, ambos en horario de 16:00 a 20:00 horas.
Para a temporada de Nadal, están previstas dúas sesións do obradoiro Adornos de Nadal, do 25 ao 28 de novembro, con 8 prazas cada unha. Ademais, entre o 9 e o 13 de decembro desenvolverase un obradoiro de Decoración sostible de Nadal, cun máximo de 15 prazas. Para o público infantil, a Deputación organiza a actividade Biotech Explorers: Tecnoloxía e Medio Ambiente entre o 23 e o 30 de decembro, dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos. Contará con 15 prazas e terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño.
Na Reserva dos Ancares Lucenses, as actividades comezarán o 19 de outubro coa ruta Navia en Outono II, cun percorrido pola Ponte Vella da Proba de Navia de 11.00 a 17.00 horas e con 25 prazas dispoñibles. A programación inclúe tamén varias Xornadas Micolóxicas en diferentes centros educativos, como o CPI de Cervantes o 15 de novembro, a Escola de Barcia o 17 de novembro, e o Centro Social de Becerreá o 23 de novembro, con 15 prazas cada unha.
Por último, entre o 23 e o 27 de decembro, realizarase o taller infantil Tradición de Nadal nos Ancares, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos no Centro Social de Becerreá. As persoas interesadas en participar nas actividades deben inscribirse nos teléfonos ou correos electrónicos facilitados pola Deputación de Lugo, dispoñibles tamén a través da súa web. Con esta programación, a Deputación busca promover hábitos saudables e fomentar o coñecemento e respecto polo medio ambiente nas zonas naturais da provincia.