A Deputación abrirá o luns as prazas para os obradoiros ambientais e de Nadal na Reserva da Biosfera Terras do Miño

LugoXa | TerraChaXa
A programación do último trimestre inclúe actividades de cerámica, primeiros auxilios na natureza e poda, ademais dun obradoiro infantil de Nadal
cartel-actividades.nadal-terras-do-miño
26 Sep 2026

A Deputación de Lugo abrirá este luns, 28 de setembro, o prazo de inscrición para participar nas actividades programadas durante o cuarto trimestre na Reserva da Biosfera Terras do Miño. A proposta inclúe cinco obradoiros gratuítos de lecer e educación ambiental, con 105 prazas, 90 para adultos e 15 para nenos e nenas.

Todas as actividades desenvolveranse no Centro de Interpretación Terras do Miño. A primeira será un obradoiro de cerámica de Nadal, programado para os días 11, 12 e 13 de novembro e 10 e 11 de decembro, de 10.00 a 14.00 horas, con 15 prazas para persoas adultas.

A programación continuará o 26 e 27 de novembro coa actividade ‘Primeiros auxilios na natureza’, que se impartirá de 09.00 a 14.00 horas e contará con outras 15 prazas para adultos.

Entre o 30 de novembro e o 4 de decembro terá lugar un obradoiro de poda de froiteiros e viñas, con 30 prazas e horario de 16.00 a 20.00 horas. A programación repetirá esta temática do 14 ao 18 de decembro, tamén de 16.00 a 20.00 horas e con capacidade para 30 participantes adultos.

Por último, os días 28, 29 e 30 de decembro celebrarase un segundo obradoiro relacionado co Nadal, neste caso dirixido a nenos e nenas, con 15 prazas dispoñibles.

As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición desde este luns a través do teléfono 982 305 930, do correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org ou da plataforma de inscricións da Deputación de Lugo.

0.15151000022888