A Deputación adxudica por máis dun millón de euros o equipamento da residencia de Becerreá

A Deputación de Lugo continúa avanzando na preparación da residencia de maiores de Becerreá coa adxudicación do contrato para o subministro do equipamento, por un importe total de 1.058.847,70 euros. A decisión foi aprobada este venres pola Xunta de Goberno provincial e permitirá dotar as instalacións dos recursos necesarios para o seu funcionamento.
O contrato divídese en cinco lotes, todos eles cun prazo de garantía de cinco anos. Os dous primeiros, correspondentes ao mobiliario, electrodomésticos, produtos de limpeza e equipamento médico, farmacéutico e de hixiene persoal, foron adxudicados a Industrias Hidráulicas Pardo SL. O terceiro, destinado ao material de lavandería, corresponde a Mariña Clima SL; o cuarto, de cortinas e artigos téxtiles, a Modogar Textil SL; e o quinto, de sinalización e produtos relacionados, a Signo Creaciones SL.
O centro de Becerreá foi proxectado con capacidade para 90 persoas residentes e outras 40 usuarias do servizo de centro de día. A contratación deste equipamento súmase a outros pasos dados pola institución provincial para avanzar na súa posta en marcha.
Hai unhas semanas, a Xunta de Goberno xa adxudicara en dous lotes os traballos relacionados coa cociña. Mariña Clima SL asumirá por 441.705,21 euros o subministro do equipamento industrial e a adaptación das instalacións, mentres que Socogas SA foi a empresa seleccionada para proporcionar un depósito de gas licuado do petróleo por 17.346,10 euros.
A residencia de Becerreá forma parte dos catro centros que a Deputación ten actualmente en construción, xunto cos da Pontenova, Guitiriz e A Pobra de Brollón. O goberno provincial, presidido por Carmela López, busca impulsar estes proxectos e incorporalos á rede de atención a maiores da institución, que xa conta con nove residencias en funcionamento en distintos municipios da provincia.
A planificación provincial aposta por un modelo de coidados de proximidade e contempla tamén a incorporación de novos centros, como o previsto en Cervantes. Os orzamentos da Deputación para 2027 incluirán partidas destinadas a seguir desenvolvendo este plan.
Na mesma reunión, a Xunta de Goberno deu luz verde a varios convenios de colaboración cos concellos de Quiroga, Meira e Antas de Ulla para financiar distintas actuacións. No caso deste último municipio, a institución provincial achegará 100.000 euros para contribuír ao pagamento dos custos enerxéticos derivados do funcionamento dos servizos básicos municipais.