A Deputación apoia á Fundación Eu Son de Burela
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Burela e presidente da Fundación Eu Son (Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Intelectual), Alfredo Llano García, asinaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos o convenio de colaboración polo que a institución provincial achega 2.000 euros ao colectivo para cubrir gastos de mantemento dos centros de día e ocupacional que xestiona a entidade en Burela. O colectivo ofrece atención profesional e formación diaria a máis de 30 veciños e veciñas da Mariña.
O mandatario provincial, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que con esta axuda a Deputación financia gastos imprescindibles para o funcionamento deste centro, como o servizo de limpeza, electricidade e auga.
José Tomé puxo en valor o traballo que desenvolve dende hai 23 anos a Fundación Eu Son e enmarcou a colaboración da Deputación con este colectivo no seu compromiso coas políticas públicas que favorezan a integración social e laboral, e a mellora do benestar e da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.
A Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Intelectual naceu en 1997 da unión do Concello de Burela e a asociación de pais Camiña debido á carencia dun servizo que atendera profesionalmente a persoas con discapacidade intelectual na Mariña.