A Deputación aproba novos investimentos para mellorar estradas en Portomarín e Ribeira de Piquín

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a novos investimentos destinados á mellora da mobilidade na provincia, con actuacións en Portomarín e Ribeira de Piquín que suman máis de 427.000 euros.
No caso de Portomarín, a institución provincial adxudicou por 237.958,52 euros á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU os traballos de mellora de algo máis de 10,65 quilómetros da estrada LU-P-4905, que enlaza este municipio con Taboada. As obras, cun prazo de execución de mes e medio, abranguerán todo o termo municipal, desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 10,625, e incluirán a reapertura de cunetas, o saneamento da explanada e a pavimentación.
O deputado responsable destacou que este é o segundo tramo no que se actuará nesta estrada, xa que tamén está previsto o arranxo do segmento comprendido entre os puntos quilométricos 10,65 e 24,631, cun investimento adicional de 200.000 euros. Unha vez executados ambos proxectos, a vía quedará renovada na súa totalidade.
Por outra banda, en Ribeira de Piquín, a Deputación adxudicou por 189.587,64 euros á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU a rehabilitación dun tramo de algo máis de 3 quilómetros da estrada LU-P-4802, que conecta A Pontenova con este concello da Montaña, no treito comprendido entre Santalla e Ponte Soutelo. A intervención, tamén cun prazo estimado de mes e medio, afectará ao tramo situado entre os puntos quilométricos 19,7 e 23.
Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, a execución dunha escollera, a pavimentación con aglomerado en quente e a renovación da sinalización horizontal e vertical. Desde a Deputación subliñan a relevancia desta actuación ao tratarse dunha estrada que vertebra as comarcas da Mariña e da Montaña, conectando as parroquias situadas no corazón do val do Eo, unha contorna de elevado valor natural e paisaxístico.