A Deputación aproba os presupuestos cos votos a favor de PSOE e BNG

TerraChaXa | LugoXa
O Pleno aprobou o  Orzamento da Deputación para 2018 cos votos a favor dos deputados do PSOE do Goberno Provincial e dos do BNG.
pleno_deputacion
22 Dec 2017

O Pleno aprobou o  Orzamento da Deputación para 2018 cos votos a favor dos deputados do PSOE do Goberno Provincial e dos do BNG.

O orzamento para 2018 ascende a 83.703.156 euros. Baixa con respecto a 2017 en 1.144.722 euros, que representan o 1,35%, polos recortes nas aportacións do Estado ao organismo provincial.

Dos 83,7 millóns de euros, destínanse un mínimo de 45,6 millóns de euros, que representan máis do 54,4% do orzamento, exclusivamente a investimentos. Estes fondos incrementaranse, pois no proxecto xa se compromete que, cando menos, o 70% dos remanentes de tesoureira, que se coñecerán a principios do vindeiro ano unha vez feita a liquidación do exercicio económico do 2017, se destinen a investimentos nos 67 Concellos a través do Plan Único. Tamén poderán aumentar unha vez coñecidas as propostas dos Concellos ao respecto dos investimentos que deseñan levar a cabo a través do Plan Único. Este conta cunha primeira achega do propio orzamento provincial de 11,3 millóns de euros. Coa incorporación de remanentes, búscase que acade ou supere os 20 millóns.

Contempla un mínimo de 9 millóns de euros para emprego, que se engaden aos 8,1 millóns que se continuarán a executar durante o 2018 para custear as nóminas de 700 lucenses que estaban no paro e traballan en empresas, colectivos sociais ou nos propios consistorios a través das edicións do Ben Emprego e DepuEmprego que están en marcha.

Inclúe un mínimo de 1,5 millóns de euros para financiar na súa totalidade o Servizo a Domicilio a 1.800 persoas non dependentes, pois a Xunta non o fai; máis de 330.000 euros para a Teleasistencia gratuíta a máis de 1.500 maiores, pois a da Xunta establece o repago e só está dirixida a persoas catalogadas como dependentes; 500.000 euros para colaborar co conxunto do tecido asociativo social da provincia; ou 2,9 millóns de euros para os centros de maiores de Becerreá, Folgoso do Courel, Portomarín, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón. Estes novos fondos súmanse aos contemplados en pasadas anualidades para os proxectos e obras destas novas dotacións sociais.

O orzamento recolle case 2,5 millóns de euros no impulso dunha educación pública de calidade “cando a Deputación non ten as competencias directas, pero si unha firme aposta”, apuntou a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez. Deste xeito, destínanse 1,6 millóns á única Escola de Imaxe e Son pública na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual e con matrícula gratuíta para non repetidores; 365.0000 euros para o Plan de Impulso do Campus de Lugo, que contempla actuacións como as becas que custear na súa totalidade a matrícula que xa recibiron máis de 500 alumnos; máis de 200.000 euros para novas actividades no Rof Codina ou na Facultade de Relacións Laborais; ou 312.000 euros na UNED.

Dinamización económica e social

Para o impulso de sectores punteiros como o primario (gandeiría, agricultura e pesca) inclúense fondos de 2,1 millóns de euros. Destaca a outra partida de 634.000 euros para a construción do Centro Experimental de Leite na Granxa Gayoso Castro, facendo que achega total da Deputación a este proxecto, tendo en conta os fondos deste ano, sexa de 1,3 millóns. Neste centro, que estará listo no 2018, a USC levará a cabo prácticas e proxectos de investigación sobre o sector lácteo. Con este proxecto búscase a dinamización económica da provincia, impulsando o sector lácteo, pois traballarase na aplicación de medidas nas explotacións leiteiras coas que reducir custos de produción; así como a renovación da acreditación internacional da Facultade de Veterinaria. Outros dos proxectos neste eido é o centro de recría de gando vacún, que abrirá as portas no 2018. Tamén se inclúen preto de 500.000 euros para actividades de dinamización empresarial e comercial.

As contas incorporan un mínimo de 11 millóns de euros para melloras de dotacións públicas e infraestruturas nos Concellos, especialmente en zonas rurais, a través da posta en marcha de cando menos 350 obras, que tamén contribuirán á dinamización económica e o mantemento do emprego. A estes fondos, súmase o crédito de 15 millóns, recentemente concedido, para o arranxo de estradas provinciais en todos os municipios, incrementando notablemente a obra pública na provincia.

Para a dinamización social da provincia a través do deporte destinase 4 millóns de euros, facendo que a Deputación sexa a administración galega que máis inviste na provincia neste eido e garantindo a colaboración cos clubs da provincia de todas as modalidades deportivas.

Para actuacións en impulso do turismo e da cultura achéganse preto de 8,4 millóns de euros, que permitirán colaborar cos Concellos e con colectivos, impulsar a celebracións de citas turístico-culturais ou gastronómicas, así como reeditar ou emprender novos proxectos nestes eidos.

 Outros custos

Os custos de persoal supoñen o 31% e aumentan un 3% en cumprimento da Lei de Presupostos do Estado. Os correntes representan o 16%, baixando nun 0,24%.

0.071224212646484