A Deputación asumirá directamente a xestión do mantemento das zonas verdes contratado a Tragsa

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A medida implicará a subrogación dos traballadores, segundo foi aprobado en Xunta de Goberno
foto-carmela-e-efren
24 Apr 2026

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno celebrada este venres o inicio do expediente para que o servizo de conservación e mantemento das zonas verdes de titularidade provincial pase a ser prestado directamente pola propia institución a partir do 1 de xaneiro de 2027.

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o vicepresidente provincial, Efrén Castro, foron os encargados de dar conta deste acordo, que cualificaron como “un paso relevante na organización dun servizo esencial para a provincia”.

Na actualidade, este servizo vense desenvolvendo a través dun encargo ao medio propio TRAGSA, un modelo que está en vigor desde o ano 2020 e que foi prorrogado ata o 31 de decembro de 2026. Este encargo abrangue o mantemento dun total de 1.052.888 metros cadrados de zonas verdes distribuídas por toda a provincia, incluíndo espazos naturais, áreas recreativas, contornas fluviais e zonas urbanas, o que dá idea da dimensión e importancia deste servizo tanto desde o punto de vista ambiental como social.

Co acordo adoptado, a Deputación aposta por avanzar cara a un modelo de xestión directa, que permitirá reforzar o control público, mellorar a eficiencia na prestación e achegar a toma de decisións á realidade do territorio.

Neste sentido, a presidenta explicou que “cando cheguei á Presidencia desta Deputación identificamos este como un dos asuntos prioritarios enriba da mesa, polo que durante estes meses estivemos escoitando a todas as partes implicadas para coñecer ben a situación e avaliar cal era a mellor solución”. Así, destacou que “facemos esta aposta porque cremos nun modelo de xestión directa, máis próximo e máis eficiente, que ademais garante os dereitos dos traballadores e contribúe a mellorar o funcionamento da institución”.

A decisión implica tamén a subrogación do persoal actualmente adscrito ao servizo, garantindo a continuidade laboral e o respecto íntegro dos seus dereitos. En concreto, trátase dun equipo de 16 traballadores e traballadoras de distintos perfís profesionais —entre eles xardineiros, oficiais ou oficial escultor— procedentes da extinta SUPLUSA, que continuarán desenvolvendo exactamente as mesmas funcións que realizan na actualidade.

Desde o punto de vista económico, López detallou que a medida non suporá un incremento do gasto para as arcas provinciais. Pola contra, segundo os informes técnicos elaborados, permitirá un aforro significativo. “O encargo actual a TRAGSA ten un custo anual de arredor de 950.000 euros, mentres que o custo estimado do persoal sitúase en aproximadamente 675.000 euros ao ano, sen incluír complementos, o que evidencia a capacidade de optimización de recursos mediante a xestión directa”, afirmou.

Desde a institución provincial explicouse que, durante todo este proceso, o servizo seguirá prestándose con total normalidade en todos os puntos da provincia e que o persoal continuará realizando o seu traballo nas mesmas condicións.

“Coa aprobación deste expediente, a Deputación de Lugo dá o primeiro paso dun proceso que culminará en 2027 coa implantación dun modelo de xestión máis directo, eficiente e xusto, orientado a mellorar tanto a calidade do servizo público como as condicións das persoas que o fan posible”, explicou.

0.11551809310913