A Deputación aumenta ata os 80.000 euros o apoio ao Caudal Fest para a súa edición de setembro

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde ao contrato de patrocinio para colaborar coa oitava edición do Caudal Fest, que terá lugar os próximos 18 e 19 de setembro na contorna fluvial do Miño. A institución provincial destinará este ano 80.000 euros ao evento, unha cantidade que supón un incremento do 60% respecto ás achegas realizadas en edicións anteriores.
Coa aprobación deste acordo, a Deputación reforza o seu apoio a un dos festivais musicais máis multitudinarios da provincia, que cada ano reúne miles de asistentes na cidade de Lugo.
A voceira socialista do Goberno provincial destacou que a decisión responde á repercusión económica e turística que o festival xera na capital lucense. Segundo os datos facilitados pola organización, a edición de 2025 congregou máis de 40.000 persoas e deixou un impacto económico estimado en arredor de 15 millóns de euros.
Ademais, o evento contribuíu á creación de máis de 2.000 postos de traballo, entre empregos directos e indirectos, cunha incidencia especial en sectores como a hostalaría, o comercio, o transporte e outros servizos vinculados á actividade turística.
Desde a institución provincial consideran que o Caudal Fest se consolidou como unha das principais citas musicais de Galicia e destacan a súa capacidade para atraer visitantes de diferentes puntos do Estado, contribuíndo á promoción da cidade e da provincia de Lugo.
A edición deste ano volverá converter a contorna do río Miño nun dos grandes escenarios musicais do final do verán, cun festival que continúa gañando peso dentro do calendario cultural galego.