A Deputación axilizará a apertura da residencia de Becerreá

LugoXa

Aproban na Deputación unha proposta para que o presidente, José Tomé Roca, ordene aos distintos servizos e unidades administrativas afectadas -a Secretaría Xeral, Asesoría Xurídica, Contratación e Fomento, Arquitectura, e Benestar Social e Igualdade- priorizar as tarefas necesarias para axilizar o proceso de apertura da residencia de Becerreá.

deputado pablo rivera
deputado pablo rivera
12 abr 2024

Aproban na Deputación unha proposta para que o presidente, José Tomé Roca, ordene aos distintos servizos e unidades administrativas afectadas -a Secretaría Xeral, Asesoría Xurídica, Contratación e Fomento, Arquitectura, e Benestar Social e Igualdade- priorizar as tarefas necesarias para axilizar o proceso de apertura da residencia de Becerreá.

Esta decisión tómase ante o inminente remate da construción e posta en marcha do Centro de Transformación e o Centro de Seccionamento da residencia de Becerreá, prevista para mediados de maio e necesarios para dar por rematadas as obras do edificio. Desta forma, o que fan é anticiparse “para gañar tempo e celeridade nos trámites que quedan para abrir a residencia”, explicou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.

O Centro de Transformación Eléctrica “non estaba previsto no proxecto inicial, polo que o que tivemos que asumir desde este Goberno provincial”. Trátase dunha instalación que resulta “estritamente necesaria para dar por rematadas as obras, pois é precisa para proporcionarlle á residencia o subministro eléctrico necesario e suficiente”.

No mesmo acordo, do que se lle dará traslado ao Concello de Becerreá, a Deputación tamén demanda a colaboración das distintas administracións públicas para sacar adiante este proceso, “sobre todo da Xunta de Galicia, que é a que ten as competencias en servizos sociais por Lei”, explicou o deputado.

Sosteñen que este paso supón “unha mostra máis do compromiso firme e constante que temos na Deputación de Lugo cos veciños e veciñas de Becerreá para rematar a construción da residencia, dotala de equipamento e poñela a funcionar”. Rivera lembrou que o Goberno provincial “abriu 6 residencias en só catro anos, e cunha pandemia como a da covid polo medio”.