A Deputación conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente con actividades, unha conferencia e unha mostra

LugoXa
Carlos López salientou a programación que organizou a institución provincial ao longo de toda a semana nesta data
Exposición-instrumentos-San-Marcos
Exposición-instrumentos-San-Marcos
6 Xuño 2024

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou na programación de actividades que organizou a institución provincial con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente no Pazo de San Marcos. “O noso compromiso por coidar dos inmensos recursos naturais que nos rodean e concienciar á cidadanía sobre a protección do planeta mantense non só hoxe, senón os 365 días do ano”, salientou.

“Vivimos nunha provincia única, que conta con máis do 80% do territorio declarado Reserva da Biosfera. Dende a Deputación xestionamos a de Terras do Miño e a de Ancares Lucenses e Montes de Navia e Becerreá coa premisa de compaxinar a protección do medio ambiente co desenvolvemento sostible do territorio”, incidiu, ao tempo que engadiu que levan a cabo “numerosas iniciativas ao longo de todo o ano para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental da man dos concellos e colectivos que están no territorio”.

Para conmemorar esta xornada, que se celebra cada 5 de xuño desde 1973, o deputado explicou que se puxeron en marcha actividades e accións para involucrar tanto aos máis pequenos como aos adultos na importancia do coidado do medio natural e da súa conservación. López abriu unha conferencia que impartiu o técnico de Protección Civil Luis Manuel Corral Andrade sobre Pragas de Emerxencia, na que abordou diversas cuestións relacionadas coa influencia do clima nas pragas, o seu impacto na biodiversidade e os medios de prevención e control existentes

Así mesmo, nesta xornada Carlos López tamén lle entregou aos usuarios e usuarias dos hortos urbanos que a institución provincial ten Rato dos diplomas acreditativos das actividades formativas nas que participaron. Unhas formacións que impulsa a propia Deputación para que as persoas que cultivan os hortos aprendan máis sobre como traballar nas parcelas, a plantar legumes e froitas de temporada ou curiosidades e trucos para sacarlle o mellor dos proveitos á terra.

Obradoiros de educación ambiental

A maiores, o deputado sinalou que “numerosos nenos e nenas maiores de 6 anos de idade están participando esta semana nos obradoiros gratuítos de educación ambiental”. Nas xornadas do participantes puideron realizar “bombas de sementes de plantas autóctonas, estampado de bolsas de algodón mediante a técnica Hapa Zome, ou unha mini horta urbana en madeira”, detallou. Este xoves terá lugar a derradeira sesión a partir das 17.00 horas, pensada para nenos e nenas a partir dos 6 anos e non é preciso inscribirse con anterioridade.

Carlos López aproveitou a súa intervención para convidar a todas as persoas interesadas a visitar a exposición Dende a Reciclaxe á Creatividade Musical. Unha mostra que está dispoñible nos corredores da planta baixa do Pazo de San Marcos e que quedou aberta ao público. Por último, a institución provincial sumouse na noite deste mércores á apagada ambiental que convoca o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro do programa People & Planet, co obxectivo de concienciar sobre o cambio climático e o consumo enerxético, e fíxoo suspendendo a iluminación da fachada do Pazo de San Marcos.

0.18879079818726