A Deputación copatrocina un ano máis os Premios María Luz Morales

TerraChaXa | LugoXa
4 Apr 2020

A Deputación de Lugo copatrocina, xunto ás institucións provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra, a IV edición dos Premios María Luz Morales que convoca a Academia Galega do Audiovisual. Un certame de ensaio e vídeo ensaio que ten por obxectivo o fomento da creatividade e independencia investigadora no eido audiovisual, dende unha perspectiva tanto galega como universal.

As persoas interesadas poden participar nas modalidades ensaio escrito e vídeo ensaio, nas dúas categorías, galega e internacional. O prazo está aberto ata o día 3 do próximo mes de maio. A presentación de traballos realizarase por correo electrónico, no enderezo inscricions@academiagalegadoudiovisual.gal

Admítense traballos asinados de maneira individual ou colectiva, que optarán a un único premio, dotado con 1.200 euros e un trofeo, para cada apartado.

O xurado comporase de tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito historiográfico ou da crítica audiovisual. Entre os criterios de valoración figura a singularidade do enfoque, a orixinalidade do desenvolvemento, puntos de vista anovadores, a fiabilidade da documentación e a coherencia das conclusións. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño deste ano.

Primeira directora dun xornal nacional

A coruñesa María Luz Morales Godoy, nada en 1889 e falecida aos 91 anos de idade, en Barcelona, fixo historia por ser a primeira muller directora dun diario nacional. Escritora e xornalista, especializada na crítica cinematográfica e teatral, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil española. Activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria, María Luz Morales está considerada unha referencia da incorporación da muller á actividade xornalística e intelectual na España do século XX.

Lugo anfitrioa da segunda edición

A Deputación de Lugo acolleu no ano 2018 o acto de entrega dos Premios María Luz Morales. Nesa edición, os galardóns recaeron en dúas novas investigadoras, Lucía Estévez e Denisse Lozano; e nos investigadores Marcos Nine e Fernando Redondo. Tres dos traballos que resultaron elixidos cuestionan o papel da muller no cinema e na televisión, dende distintas perspectivas.

A Academia Galega do Audiovisual publica os ensaios gañadores do premio na súa páxina web, www.academiagalegadoaudiovisual.gal Nela tamén é posible consultar as bases e toda a información adicional do certame.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14989018440247