A Deputación de Lugo acolle as XXXVII Xornadas Luis Asorey sobre medicina natural

LugoXa
O salón de actos do Pazo de San Marcos acolle do 9 ao 19 de novembro un ciclo de conferencias sobre fitoterapia, cura balnearia, micoterapia e outras prácticas ligadas aos recursos naturais, con inscrición e asistencia gratuítas de xeito presencial ou en liña
plantas-aromaticas-medicinales
Imaxe de arquivo ilustrativa
7 Nov 2026

O Pazo de San Marcos será escenario, entre o 9 e o 19 de novembro, dunha nova edición das Xornadas Luis Asorey, que nesta trixésimo sétima convocatoria levan por título ‘A medicina natural: de remedios tradicionais a evidencias científicas’. O ciclo reunirá a sete especialistas procedentes de distintas disciplinas para afondar no uso terapéutico dos recursos naturais e no respaldo científico que sustenta algunhas das súas aplicacións no eido da saúde.

As xornadas están organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias xunto ao Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, co patrocinio da Deputación de Lugo. Ao longo das sesións trataranse cuestións como a fitoterapia, a cura balnearia, a micoterapia, os compostos medicinais obtidos de microalgas, a saúde ambiental, os baños de bosque e o cultivo de plantas con fins terapéuticos.

Cada conferencia desenvolverase en horario de 19.00 a 21.00 horas. As persoas interesadas poderán acudir en persoa ao salón de actos ou seguir as sesións a distancia a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da institución provincial. A inscrición, necesaria para participar, é gratuíta e pode tramitarse mediante un formulario habilitado para tal efecto.

O programa arrincará o 9 de novembro coa intervención de Antonio Rigueiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría de Montes, profesor emérito da USC e presidente da Asociación Forestal de Galicia, que centrará a súa charla nas plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento. Ao día seguinte, o 10 de novembro, Juan Jesús Gestal Otero, doutor en Medicina e Cirurxía e director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, exporá as indicacións actuais da cura balnearia e o seu fundamento científico.

A terceira sesión, o 11 de novembro, correrá a cargo de Luis Miguel Botana López, catedrático de Farmacoloxía da USC, quen analizará o potencial medicinal dos compostos mariños extraídos de microalgas. Tras un parón de varios días, o ciclo retomarase o 16 de novembro coa relatoría de Julián Alonso Díaz, presidente da Sociedade Micolóxica LUCUS, dedicada á micoterapia.

O 17 de novembro, Rosa Romero Franco, profesora titular da USC e exdirectora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, falará sobre o cultivo e a comercialización de plantas medicinais, ademais das súas presentacións e preparados. Un día despois, o 18 de novembro, Lucía Martín de Bernardo Gisbert, profesora da USC especializada en Epidemioloxía e Saúde Pública, abordará a exposición ao gas radón e os seus efectos sobre a saúde.

As xornadas pecharán o 19 de novembro coa intervención de Mercedes Rois Díaz, fundadora e directora de Raíces-Reconecta contigo, que explicará en que consisten os baños de bosque e de que maneira se relacionan a natureza e o benestar.

0.15957808494568