A Deputación de Lugo adquire unha autoformigoneira para Negueira de Muñiz por 153.065 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo licitou a contratación dunha autoformigoneira para o Concello de Negueira de Muñiz, por un importe de 153.065 euros. Segundo explicou a deputada Pilar Porto, “trátase dun vehículo con capacidade para producir, mesturar, transportar e descargar formigón que será moi útil para este municipio”.
Pilar Porto destacou que na comarca da Fonsagrada quedou sen fábrica de formigón, polo que levar este material de lonxe “é complicado e caro. Por iso esta colaboración é tan importante, porque permitirá que un concello pequeno poida aforrar custes e gañar eficiencia”.
A licitación permitirá a Negueira de Muñiz dispoñer dun vehículo “versátil e de moita utilidade nun municipio rural, pouco poboado, pero cunha extensa rede de infraestruturas que manter”, concretamente unha autoformigoneira autocargable de 3,5 metros cúbicos de capacidade de amasado.