A Deputación de Lugo celebra o Día de Rosalía coa arte e a música como protagonistas

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Vicepresidencia repartirá láminas e caraveis conmemorativos e programará concertos inspirados na obra de Rosalía de Castro
arte-e-flores-Día-de-Rosalía-Deputación-de-Lugo
21 Feb 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo conmemorará o Día de Rosalía coa entrega de arte e flores. Coincidindo coa efeméride, a institución provincial distribuirá caraveis e láminas conmemorativas na Capela de Santa María o 23 de febreiro durante os concertos “As literatas para Rosalía” e nos museos da Rede Provincial –o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e a Fortaleza de San Paio de Narla– o 24 de febreiro.

As láminas son reproducións dunha creación da deseñadora e ilustradora Rocío Fernández Paz, inspiradas no poema “Sin Niño” de Follas Novas, que trasladan á linguaxe visual a dimensión íntima dos versos sobre a perda. A obra, realizada en acuarela e pastel sobre papel, combina verdes azulados e representa diferentes especies vexetais e pombas formando unha paisaxe que, segundo a autora, funciona como un espello emocional.

A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que “esta iniciativa, desenvolvida nos últimos anos coa colaboración de artistas, ilustradoras e creadoras da provincia, reivindica a obra e a figura de Rosalía como fonte de inspiración e referente literario, cultural e feminista, un legado que celebramos nesta data por todo o país”.

A Vicepresidencia conta con 600 exemplares de láminas e caraveis que se repartirán gratuitamente nas datas indicadas.

A programación inclúe tamén a xornada musical “As literatas para Rosalía de Castro”, que reunirá ao artista lugués Diego Flâneur e á banda Carabela arredor da poesía de Rosalía. Diego Flâneur presentará Nebra Pecha, coincidindo co aniversario do álbum, unha obra influenciada por autores como Uxío Novoneyra e Lois Pereiro. O grupo Carabela pechará a xornada cun directo suxerente no que cada tema se converte nun espazo habitado, ofrecendo unha experiencia íntima e sensorial.

Ademais, haberá unha colaboración inédita entre Diego Flâneur e Carabela, na que musicarán versos da propia Rosalía de Castro. As actuacións, gratuítas e con entrada libre até completar a capacidade, serán o luns 23 a partir das 20.00 horas na Capela de Santa María.

0.082306146621704