A Deputación de Lugo destinará 28.000 euros a axudas en Ucraína

LugoXa
La Diputación de Lugo destinará un total de 28.000 euros a ayudas para Ucrania. Serán 10.000 euros directos y 18.000 euros en material.
José Tomé Roca
10 Mar 2022

A Deputación de Lugo enviará de maneira urxente axuda económica e materiais básicos de primeira necesidade ao pobo ucraíno para colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no este de Europa.

José Tomé Roca afirmou que “ademais de estar a plena disposición para colaborar no que faga falta coas entidades que están coordinando a cooperación das administracións locais con Ucraína, como poden ser a FEGAMP ou o Eixo Atlántico, dende a Deputación de Lugo tamén faremos unha colaboración directa para contribuír a paliar na medida do posible o sufrimento dos ucraínos e axudar na protección e no benestar das persoas que se vén obrigadas a fuxir deste terrible conflito para salvar a vida, sobre todo mulleres, nenos e persoas maiores”, subliñou José Tomé.

O mandatario provincial explicou que a institución levará a cabo as accións de cooperación a través dunha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella.

Por unha banda, a Deputación fará de maneira inmediata unha contribución económica por importe de 10.000€ a través desta entidade humanitaria e nos vindeiros días, e tamén por medio da Cruz Vermella, aportará outros 18.000€ para a compra de material básico de primeira necesidade que determinen as organizacións que están traballando sobre o terreo en función das necesidades existentes para atender ás persoas que sofren o conflito. Entre eses materias estarán produtos alimenticios, de hixiene ou sanitarios, pero tamén todos aqueles bens que as entidades determinen máis útiles para poder dar resposta aos problemas cos que se atopan tanto as persoas que permanecen en Ucraína na zona de conflito, como as que se atopan fuxindo da guerra nos países limítrofes. “Sabemos que a día de hoxe a prioridade é axudar á poboación civil nestes momentos nos que atravesan situacións tan difíciles, e sabemos que a mellor forma de facelo é en colaboración coas entidades que están no territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, asegurou o presidente.

José Tomé púxose xa en contacto co presidente desta institución humanitaria en Lugo, Luis Abelleira, co fin de artellar os mecanismos necesarios para coordinar as diferentes liñas de cooperación que a Deputación deseñou para colaborar ante a crise xerada pola invasión rusa de Ucraína.

O presidente incide que a colaboración económica e material que fai a Deputación servirá para “responder ás consecuencias inmediatas que esta crise está causando sobre a poboación civil e a súa vida diaria, pero tamén nas infraestruturas que están afectando directamente á poboación, deixándoa sen auga, gas ou electricidade”. O mandatario provincial tamén pon en valor o reforzo e respaldo que é necesario facer co voluntariado que “presta primeiros auxilios e apoio psicosocial ás persoas afectadas polo conflito, que as están asistindo na medida que a situación de seguridade o permite”.

Tomé Roca destaca a “absoluta implicación da Deputación de Lugo co pobo ucraíno”, e remarca que a institución que dirixe adopta esta medida porque ante “esta tremenda catástrofe, tan inxusta, temos que amosar a solidariedade dos veciños e veciñas da provincia co pobo ucraíno”. Salienta, ademais, que a coordinación con Cruz Vermella, como unha das entidades establecidas polo Goberno de España para canalizar as axudas, é a vía máis rápida e eficaz para que a nosa colaboración chegue aos ucraínos e ucraínas”.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
A Deputación de Lugo acordou por unanimidade na Xunta de Voceiros e Voceiras unha declaración institucional de condena á agresión que está cometendo Rusia contra Ucraína, ademais de expresar a total solidariedade da institución provincial co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución provincial de axudar a paliar a crise humanitaria a través das vías establecidas polo Goberno de España.

0.17443799972534