A Deputación de Lugo e a Asociación Corripa ultiman os detalles da cuarta edición de 'Ciencia na Aldea'
A Deputación de Lugo, a través da súa área de Rural, e a Asociación Corripa están a traballar xuntas na preparación do programa para a cuarta edición do evento'Ciencia na Aldea', que se celebrará os días 25, 26 e 27 de abril.
Este evento, que se consolidou como unha das iniciativas máis destacadas na divulgación científica e a conservación do medio ambiente, volverá ter un carácter internacional.
Tras o éxito das anteriores edicións, ambas entidades renovan o seu compromiso para garantir a continuidade deste evento que congrega cada ano a decenas de investigadores e científicos.
A cita, que se celebra na pequena aldea de Pena da Nogueira, en Negueira de Muñiz, o municipio con menor densidade de habitantes de Galicia, tamén conta co apoio e a participación activa do público, que en cada edición completa o aforo das distintas sesións.
Este ano, 'Ciencia na Aldea' contará cunha colaboración especial cos organizadores do Festival das Herbas Espontáneas, que se celebra desde hai 38 anos na illa italiana de Sardeña, e que teñen como obxectivo facer do evento lucense un irmán deste recoñecido festival. No 2024, foi Portugal, e en concreto o Parque Biolóxico de Gaia, quen teceu unha estreita colaboración coas xornadas.
O programa do evento combinará ciencia, agrogandería, medio ambiente, desenvolvemento rural, arte e poesía. Así, 'Ciencia na Aldea' continuará sendo un espazo de encontro para científicos, investigadores, e tamén produtores agrogandeiros, que este ano terán unha presenza destacada e compartirán escenario coas figuras do ámbito científico e cultural.
As actividades terán lugar no Ecomuseo O País do Abeyeiro, e a inscrición, que será gratuíta, abrirase no mes de abril, logo da presentación oficial do evento no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Con este programa, a organización espera que a aldea lucense se encha novamente de xente e se converta durante tres días no epicentro do coñecemento e a reflexión sobre a sustentabilidade e o medio ambiente.