A Deputación de Lugo e a Sociedade Micolóxica Lucus amosan este domingo preto de 250 especies de cogomelos no Pazo de San Marcos

LugoXa
A mostra permite coñecer de preto a diversidade fúngica do territorio e contará coa atención de especialistas para resolver dúbidas do público
exposición micoloxía Deputación Lugo
8 Nov 2026

Os corredores do Pazo de San Marcos acollen este domingo a vixésimo cuarta edición da exposición de cogomelos que organiza a Sociedade Micolóxica Lucus xunto coa Deputación de Lugo, unha cita que xa se converteu nunha tradición do outono na cidade. A mostra achega aos veciños a variedade de fungos que poden atoparse na provincia e espertar cada ano a curiosidade de numerosas familias e persoas interesadas na micoloxía.

Nesta ocasión poden verse arredor de 250 especies distintas, procedentes dos diferentes hábitats do territorio lucense, cada unha delas debidamente identificada e acompañada de paneis con información divulgativa para facilitar a súa comprensión ao público xeral.

O acceso á exposición é libre e gratuíto, e permanecerá aberta durante toda a xornada, tanto en horario de mañá como de tarde, aínda que se espera a visita de varios centos de persoas. Os organizadores sinalaron que a falta de choivas deste ano influíu na cantidade e variedade de exemplares dispoñibles para a mostra.

Durante o acto de apertura, o deputado de Medio Ambiente, Carlos López, destacou que “a micoloxía permítenos descubrir unha parte esencial da biodiversidade do noso territorio”. Acompañado polo responsable de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, López subliñou que este tipo de iniciativas resultan fundamentais para coñecer mellor o patrimonio natural e comprender o papel que desenvolven os fungos nos ecosistemas.

Pola súa banda, Fernández puxo en valor a traxectoria da Sociedade Micolóxica Lucus, que leva un cuarto de século dedicada a estudar, divulgar e dar a coñecer a riqueza micolóxica da provincia. O responsable de Formación destacou tamén o traballo das persoas que integran a entidade e a colaboración que esta mantén coa Deputación de Lugo.

A exposición pódese visitar esta mañá de 11.00 horas a 14.00 horas, e pola tarde desde as 16.00 horas ata as 20.30 horas. Ademais dos exemplares expostos, a actividade complétase cunha mostra fotográfica centrada en cogomelos e hábitats micolóxicos, un contido audiovisual e a posibilidade de observar distintas especies e as súas estruturas a través dunha lupa binocular. Membros da sociedade organizadora están presentes durante toda a xornada para atender as preguntas dos asistentes e explicar como se identifican as diferentes especies.

Unha iniciativa ligada a Terras do Miño

Esta actividade tamén serve para dar visibilidade á biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un espazo natural na xestión do cal colabora desde hai trece anos a Sociedade Micolóxica Lucus, que forma parte do seu órgano de participación.

Esta reserva, recoñecida pola UNESCO en novembro de 2002, é a de maior extensión de Galicia, cunha superficie próxima ás 363.669 hectáreas repartidas entre 26 concellos da provincia de Lugo. Ocupa aproximadamente o 39 % do territorio provincial e caracterízase pola riqueza dos seus ecosistemas, especialmente os relacionados coa auga, os bosques autóctonos e as zonas húmidas.

0.1200909614563