A Deputación de Lugo impulsa os Días Europeos da Artesanía con demostracións participativas

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía cun programa de demostracións participativas que se desenvolverá do xoves 9 ao domingo 12 de abril na Capela de Santa María, en Lugo, coa intención de achegar o traballo artesán á cidadanía.
As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man e experimentar cos materiais e técnicas de artesás especializadas en cerámica, coiro e tear. As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.30 a 19.30 horas, con acceso libre e gratuíto.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, presentaron o programa acompañados por Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, e Álex Penas, concelleiro de Infraestrutura, destacando o carácter divulgativo destas xornadas, que buscan poñer en valor os oficios artesáns e facilitar o contacto directo co público.
Ademais das demostracións, as persoas que se acheguen á Capela poderán contemplar un amplo mostrario de ferramentas e pezas elaboradas polas artesás participantes, coñecendo así os procesos e resultados do traballo artesanal.
Entre as propostas incluídas no programa, Mercedes Buján, de “Bolboretas de coiro”, ofrecerá unha demostración participativa na que o público poderá elaborar unha flor en coiro e levala como agasallo. Pola súa banda, Inmaculada Díaz Cabado, de “La bellota mágica”, guiará aos asistentes na creación dunha peza modelada coas súas propias mans.
O tear tamén terá protagonismo coa participación de Lourdes Otero Mato e Miriam Fernández Otero, do proxecto “Fusaiola”, que realizarán demostracións de montaxe de tear de alto e baixo lizo e permitirán ás persoas asistentes tecer uns centímetros baixo a súa supervisión.
No ámbito da cerámica, Mª Josefa Sánchez Castedo, de “Ceniza de papel”, ofrecerá unha demostración no torno na que os participantes poderán crear e decorar unha peza empregando diferentes técnicas. Ademais, Soni Argiz, de “Mimacuir”, desenvolverá unha actividade centrada na elaboración dunha pequena peza de coiro.
Os Días Europeos da Artesanía, que naceron en Francia, celébranse de forma simultánea en arredor dunha vintena de países europeos que se foron incorporando á iniciativa desde 2002. En España, a convocatoria está promovida pola Organización de Artesáns de España Oficio y Arte, a Escola de Organización Industrial e Fundesarte.
Nesta edición, as xornadas desenvólvense baixo o lema “Cœurs à l’ouvrage”, ou “Co corazón no oficio”, unha proposta que pon o foco no traballo colectivo, nas redes locais e na artesanía como parte activa da vida cultural e económica.