A Deputación de Lugo inicia a reparación da LU-P-1402 en Cervantes tras os danos das chuvias

LugoXa
Os traballos permitirán recuperar a vía que conecta varias parroquias e garantir o acceso a servizos básicos, cun investimento de 120.000 euros
Estrada-Cervantes-LU-P-1402
7 Apr 2026

A Deputación de Lugo está a desenvolver obras de rehabilitación na estrada LU-P-1402, danada polas intensas chuvias durante o inverno na parroquia de Vilaver, en Cervantes. O colapso produciuse no quilómetro 12, obrigando á institución provincial a limitar o tráfico e a permitir só o paso do transporte escolar.

As actuacións, cun investimento de 120.000 euros, céntranse na reposición da plataforma afectada mediante a construción dun muro de sostemento para estabilizar a vía e na reparación do pavimento. A empresa encargada destas obras, declaradas de emerxencia en marzo na Xunta de Goberno, é Bascuas 2008 SL, que conta cun prazo de execución de tres meses.

Esta estrada, situada nos Ancares, é fundamental para a comunicación de varias parroquias do concello cervantego, xa que dá servizo a numerosos núcleos e permite o acceso a servizos básicos como escolas e centros médicos. Na ausencia de rutas alternativas directas, os desvíos obrigaron a veciñanza a recorrer maiores distancias.

A intervención da Deputación permitirá acurtar os tempos de desprazamento e mellorar a seguridade viaria nunha contorna especialmente complexa pola súa orografía.

0.13560581207275