A Deputación de Lugo inicia obras de repavimentación en varias estradas do Corgo

LugoXa
Os traballos abranguen máis de 8 quilómetros en tres vías provinciais cun investimento de 249.922 euros, mentres comeza outro proxecto de máis de 140.000 euros noutro treito
obras-estradas-O-Corgo-Adai
26 Feb 2026

A Deputación de Lugo comezou esta semana as obras de repavimentación con aglomerado en quente en tres estradas provinciais ao seu paso polo concello do Corgo. O proxecto, para o que a institución provincial destinou 249.922 euros, permitirá acondicionar máis de 8 quilómetros en distintos treitos.

Na LU-P-1602, que une as parroquias de San Cristovo e Romeán, os traballos arrancaron na parroquia de Adai e cubrirán un tramo de algo máis de cinco quilómetros, entre o punto quilométrico 3,223 e o 8,547. Na LU-P-1606, que conecta Adai con Queizán, estase a mellorar o inicio da vía ata o quilómetro 2,652. Pola súa banda, na LU-P-2918, que comunica Lugo con Adai pasando por Santa María de Bóveda e enlaza co tramo final da LU-P-1602, intervénse un pequeno tramo, do punto quilométrico 9,736 ao 9,856.

Os traballos, executados pola empresa Francisco Gómez SL, inclúen reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación e pintado.

Ademais, esta mesma semana iniciouse outro proxecto no concello do Corgo na vía LU-P-1611, que forma parte do cinto comarcal. Neste caso, estase a arranxar un treito de algo máis de 1,7 quilómetros, entre os puntos quilométricos 9,020 e 10,725, que vai desde a parroquia de Camposo ata o núcleo de Pacios, na parroquia de Cela, cun investimento de 140.942 euros. Esta actuación reflicte o compromiso da Deputación de Lugo por manter e mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa do Estado, con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude.

0.13333797454834