A Deputación de Lugo propón á Xunta a busca de solucións para as situacións de emerxencias

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A presidenta da institución provincial mantivo este luns un encontro en San Caetano co Director Xeral de Emerxencias para pedir un reforzo no sistema de prevención e extinción
reunion-carmela-emerxencias-xunta
21 Apr 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, mantivo hoxe unha reunión de traballo en materia de emerxencias coa Xunta de Galicia, onde trasladou a súa preocupación por reforzar o sistema de prevención e extinción na provincia de Lugo, especialmente nas zonas máis vulnerables do territorio.

Este encontro enmárcase na folla de ruta acordada tras a reunión mantida hai menos dun mes co presidente autonómico, Alfonso Rueda Valenzuela, e constitúe a segunda xuntanza cos grupos de traballo técnicos, avanzando así no cumprimento dos compromisos adquiridos entre ambas as administracións.

Na reunión participaron tamén a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, así como a xerente e o secretario do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, entre outros responsables.

No que respecta ao tempo de resposta, Carmela López explicou que na provincia de Lugo existen zonas de sombra en tempo de resposta, con especial vulnerabilidade demográfica, cunha poboación moi envellecida, elevada dispersión territorial e unha gran porcentaxe de núcleos de pequeno tamaño, factores que incrementan o risco ante incendios domésticos, accidentes ou outras situacións de emerxencia. Neste escenario, “resulta fundamental traballar coordinados para ter unha cobertura do 100% no territorio ante calquera incidencia, por iso a importancia desta reunión ”.

Un modelo máis estable e eficiente para os GES

En paralelo, a presidenta trasladou á Xunta a necesidade de abordar unha solución integral para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), fundamentais para garantir a cobertura en zonas rurais e complementar o labor dos parques de bombeiros.

A desaparición ou inactividade de varios destes grupos en concellos como A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá ou Cervo provocou unha situación de inestabilidade e incerteza no territorio. Ante esta realidade, Carmela López incidiu na importancia de traballar de maneira conxunta entre administracións para dar unha resposta estable e eficaz.

Con este encontro, a Deputación reafirma o seu compromiso cun modelo de emerxencias máis equilibrado, eficiente e adaptado á realidade territorial da provincia, garantindo unha resposta rápida e eficaz en todo o territorio, especialmente nas zonas rurais e de montaña.

A Presidenta anunciou ademais que esta cuestión de busca de traballo conxunto Deputación-Xunta de Galicia será elevada ao Pleno da Deputación correspondente a este mes de abril, co obxectivo de reforzar o respaldo institucional a estas propostas e seguir avanzando na súa materialización.

O PP esixe á Deputación de Lugo cumprir coas súas competencias

Pola súa banda, o Grupo Provincial Popular esixe á Deputación de Lugo “cumprir coas súas competencias en materia de emerxencias” tal e como recolle a lei e como lle recorda unha sentenza xudicial recente que avala a non continuidade co convenio para o funcionamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo se a Deputación de Lugo non aportaba máis persoal para o seu funcionamento ao entender que a institución provincial é a que ten a competencia.

Á vista de que dende o Partido Popular temos advertido en numerosas ocasións da necesidade de garantir a cobertura deste servizo atendendo ás súas competencias e de que o goberno provincial se teña negado; os deputados provinciais instarán no vindeiro Pleno ao goberno provincial da Deputación de Lugo a impulsar a recuperación dos GES nas zonas que non dispoñen de cobertura e reforzar o persoal e mellorar as instalacións e medios dos parques comarcais do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

O popular lamenta que tratándose dun servizo de vital importancia, “tivera que ser un Xulgado o que lles recorde ao goberno de PSOE e BNG as súas competencias en materia de emerxencias que levan anos negando a pesar das advertencias do Partido Popular. Pero agora non teñen escapatoria” toda vez que “un xulgado lles recordou o que di a lei: que as Deputacións Provinciais deben garantir a prestación do servizo en Concellos de menos de 20.000 habitantes”.

Antonio Ameijide explica que “os veciños de Cervo coñecen ben a situación de desamparo por parte da Deputación”. De feito, a alcaldesa ten solicitado ao goberno provincial ser recibida polo goberno provincial e ampliar efectivos para garantir a prestación do servizo do GES de Cervo en condicións de seguridade. Pero, PSOE e BNG déronlle as costas durante anos. Incluso nin responderon a ningunha das comunicacións. Todo isto provocou a non continuación da prestación do servizo no municipio, unha decisión avalada polo Xulgado que recoñece que é unha competencia provincial non atendida”.

O portavoz provincial subliña que “o goberno provincial de PSOE e BNG non fixo nada en todos estes anos por atender as emerxencias na provincia”. E incide en que “a Xunta de Galicia está colaborando en máis do 50% e financiando á metade o Consorcio Provincial de Bombeiros”.

0.12809586524963