A Deputación de Lugo reforza o apoio ás persoas con hemofilia cun convenio con AGADHEMO

A Deputación de Lugo renovou o seu compromiso coas persoas con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas da provincia mediante un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Hemofilia (AGADHEMO), ao que destinará unha achega de 5.000 euros.
O acordo foi entregado este sábado no Pazo de San Marcos polo deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, ao presidente da entidade, Brais Carreira Iglesias, durante un encontro no que tamén abordaron as principais necesidades do colectivo.
A colaboración permitirá desenvolver o programa 'Atención, información e formación para persoas con coagulopatías conxénitas da provincia e as súas familias', unha iniciativa cun orzamento total de 6.335 euros que presta servizo ao longo de todo o ano e na que a Deputación financia a maior parte dos custos.
O programa reforzará a atención social, o asesoramento, o apoio psicolóxico, o acompañamento e as accións formativas que AGADHEMO ofrece ás persoas afectadas e ás súas familias, con especial incidencia no medio rural, onde o acceso a determinados recursos resulta máis complexo.
Miguel Fernández destacou que a colaboración co tecido asociativo é "fundamental" para achegar os servizos ás persoas que máis os necesitan. Segundo explicou, o apoio a entidades como AGADHEMO permite ofrecer unha atención máis próxima, especializada e adaptada ás necesidades das persoas con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas.
Entre as actuacións previstas inclúense un servizo de apoio sociosanitario para informar sobre recursos e prestacións, atención psicolóxica especializada, grupos de asesoramento mutuo, un servizo de acompañamento para facilitar o acceso aos recursos sanitarios e sociais e diferentes accións de información e difusión.
Fundada en 1988 e declarada entidade de utilidade pública, AGADHEMO traballa na defensa dos dereitos das persoas con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas en Galicia, desenvolvendo programas de atención, orientación e sensibilización para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e favorecer a súa inclusión social.