A Deputación de Lugo rende homenaxe a Moncho Reboiras cun acto de divulgación da súa figura

LugoXa
A presentación dun libro sobre o 50 aniversario do seu asasinato centrará unha xornada aberta ao público no Salón de Actos da institución provincial
libro-asasinato-Moncho-Reboiras-Lugo
10 Jun 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizará este venres 12 de xuño un acto de recoñecemento e divulgación dedicado á figura de Moncho Reboiras, vítima da represión franquista e unha das referencias do nacionalismo galego durante a década de 1970.

A iniciativa terá como eixo central a presentación do libro “50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras 1975-2025”, unha publicación editada no marco das actividades promovidas pola Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo co obxectivo de homenaxear e achegar á sociedade galega a traxectoria política e persoal de Reboiras, falecido tras ser abatido pola policía franquista en Ferrol en agosto de 1975.

O volume foi coordinado por Suso Seixo, Rubén Cela e Roberto Vilameá e inclúe unha biografía elaborada polo historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel. Ademais, reúne unha vintena de artigos asinados por persoas que compartiron militancia e ideario co homenaxeado, así como unha reprodución das obras artísticas creadas para a exposición “Moncho Reboiras. Semente de Vencer”.

Con esta actividade, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo incorpórase ás distintas iniciativas impulsadas durante o último ano por institucións como o Concello de Lugo e o Concello de Santiago para lembrar a figura de Reboiras. Considerado a última persoa asasinada polo réxime franquista en Galicia, desempeñou un papel destacado na articulación do movemento nacionalista galego nos ámbitos político, sindical e estudantil durante a primeira metade dos anos setenta.

O acto desenvolverase no Salón de Actos da Deputación de Lugo a partir das 20.00 horas. A entrada será libre e gratuíta e as persoas asistentes recibirán un exemplar da publicación presentada durante a xornada.

0.1324200630188