A Deputación de Lugo rexeita a moción de censura e denuncia o pacto entre PP e a concelleira non adscrita

GaliciaXa | LugoXa
Carmela López e Efrén Castro critican o transfuguismo e alertan da crispación social xerada pola situación política na cidade
Xunta-de-Goberno-Deputación-de-Lugo
24 Apr 2026

A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Carmela López e Efrén Castro, compareceron para amosar unha postura conxunta en contra do acordo entre o Partido Popular e a concelleira non adscrita do Concello de Lugo, María Reigosa, que deu lugar ao rexistro dunha moción de censura contra o Goberno municipal.

Carmela López manifestou o seu rexeitamento ao transfuguismo, defendendo que as persoas que concorren ás eleccións forman parte dun proxecto colectivo e non dunha iniciativa individual. Neste sentido, sinalou que, de depender dela, este tipo de prácticas non estarían permitidas. A presidenta tamén lamentou o clima de tensión que se está a vivir tanto na cidade como no conxunto da provincia, asegurando que existe un evidente malestar social arredor desta cuestión e advertindo de que este tipo de actuacións non contribúen a mellorar a situación.

Segundo indicou, o único efecto que poden ter estes movementos é deteriorar a imaxe da política e incrementar a desconfianza cidadá, xa que a sociedade tende a xulgar ao conxunto dos representantes públicos por igual. Ademais, lembrou que os cargos institucionais deben ser conscientes da responsabilidade que implica ter visibilidade pública e reflexionar sobre as consecuencias das súas decisións.

Pola súa banda, Efrén Castro cualificou a moción de censura como unha das actuacións máis reprobables que presenciou na súa traxectoria política. Aínda que recoñeceu estar afeito a determinadas estratexias do Partido Popular, considerou que o sucedido en Lugo supera determinados límites, especialmente tendo en conta o contexto recente da cidade.

Castro acusou á dirixente popular Elena Candia de contribuír a aumentar a tensión política e social e de actuar sen límites na procura do poder. Ao seu xuízo, máis alá da legalidade destas iniciativas, as mocións de censura deste tipo resultan contrarias aos principios democráticos e representan unha das peores prácticas da política actual.

0.11809802055359