A Deputación destaca o impulso á mobilidade coa transformación da avenida Infanta Elena

LugoXa
A reforma completou os 2,7 quilómetros da vía, pola que circulan arredor de 9.000 vehículos ao día, e reforza a mobilidade e a seguridade na entrada norte da cidade
Supervisión-resultados-Infanta-Elena-Lugo
13 Feb 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, supervisaron este venres o resultado das obras de renovación da avenida Infanta Elena, unha actuación na que a institución provincial investiu un total de 2,4 millóns de euros. Esta infraestrutura soporta un tráfico medio diario duns 9.000 vehículos e constitúe o principal acceso á zona norte da cidade.

Ambos responsables percorreron o último tramo acondicionado, o comprendido entre a Glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera, que era o sector pendente para completar o desdobramento total da vía e que quedou inaugurado o pasado mes de decembro. Con esta intervención remátase a rehabilitación integral dos 2,7 quilómetros que conforman a avenida.

Carmela López subliñou que a mobilidade é un elemento clave para o desenvolvemento dos concellos e lembrou que a Deputación destina máis do 21% do seu orzamento, 27 millóns de euros este ano, a actuacións neste ámbito. A presidenta felicitou ao rexedor polo modelo de cidade que impulsa o Goberno local, baseado nun Lugo aberto, accesible e cómodo para a veciñanza, e considerou que esta actuación contribúe a consolidar ese proxecto, dotando a capital dunha entrada acorde ao volume de tráfico que rexistra e á relevancia comercial e industrial da contorna.

Os traballos executados no tramo entre Garaballa e Benigno Rivera, que abranguen os últimos 456 metros da avenida, contaron cun investimento de 1,3 millóns de euros. A actuación permitiu habilitar dúas marxes de calzada de 10,25 metros de ancho cada unha, con tres carrís de circulación por sentido. Na marxe dereita acondicionouse un carril bici de 3 metros de ancho e, en ambos lados, beirarrúas de 4,05 metros, dotadas de arborado, iluminación, bancos e papeleiras. Ademais, renováronse e ampliáronse os servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, co obxectivo de dar resposta a un futuro crecemento urbano.

A presidenta provincial lembrou tamén que, dentro do compromiso coa mellora das comunicacións, están en proceso de contratación as obras de acondicionamento do primeiro tramo da avenida Adolfo Suárez, na entrada pola Fervedoira, un acceso estratéxico para a futura estación intermodal.

Pola súa banda, Miguel Fernández destacou que esta intervención supón un paso adiante no modelo de cidade que defende o Executivo local, ao recuperar espazos públicos para a cidadanía e mellorar as condicións de seguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns. O alcalde agradeceu o esforzo investidor da Deputación e valorou o profundo cambio experimentado neste acceso, agora máis amplo, seguro, mell iluminado e equipado con novo mobiliario urbano, o que tamén repercutirá positivamente nunha zona con forte actividade comercial e industrial.

⚙ Configurar cookies
0.087599039077759