A Deputación destina 150.000 euros á mellora de vías en seis núcleos rurais de Mondoñedo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou coa alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López, un convenio de colaboración da institución provincial con este municipio por valor de preto de 150.
15 Xan 2020

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou coa alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López, un convenio de colaboración da institución provincial con este municipio por valor de preto de 150.000 euros. Grazas a esta achega económica, acondicionaranse diversas vías en seis núcleos de poboación das parroquias dos Remedios, Viloalle e O Carmen. En concreto, en Cesuras, Curuxeiras, San Pedro, Cabana, Vilar e entre a LU-124 e o barrio O Couto de Outeiro.

Pola súa banda, o Concello debe aportar os permisos e autorizacións necesarios e, unha vez rematados os traballos, encargarase tamén da conservación e o mantemento dos tramos arranxados.

Con este investimento, a Deputación mellorará as comunicacións de Mondoñedo con obras na parroquia dos Remedios, nas pistas dos núcleos de Curuxeiras con rego asfáltico e tamén en Cesuras co formigonado da pista. Haberá ademais novas melloras na parroquia de Viloalle, na curva de San Pedro e nos camiños de Cabana e Vilar. Así mesmo, na parroquia do Carme ampliarase o vial no Couto de Outeiro no seu enlace coa estrada LU-124.

Este acordo responde á vontade da Deputación de Lugo de impulsar a cooperación cos concellos da provincia de todas as cores políticas para que poidan ofrecer servizos e infraestruturas públicos de calidade e eficientes aos seus veciños e veciñas. Esta cooperación verase impulsada co Plan Único 2020, que contará cun investimento de algo máis de 20 millóns de euros.

0.12521600723267