A Deputación destina 18.000 euros ao Club Emevé para impulsar a participación feminina no voleibol

A Deputación de Lugo aprobou unha subvención directa excepcional de 18.000 euros para o Club Voleibol Emevé, destinada a colaborar no financiamento dos gastos derivados do proxecto "Impulsando a enerxía feminina". A iniciativa enmárcase na actividade dunha entidade deportiva de referencia en Galicia, cunha estrutura que abrangue desde as escolas de base ata competicións nacionais de máximo nivel.
O Club Emevé conta con equipos femininos e masculinos en todas as categorías e desenvolve unha ampla actividade deportiva desde a formación das categorías inferiores ata a elite. A entidade foi recoñecida en varias ocasións como o mellor club de base de Galicia, nos anos 2009, 2017 e 2024.
Ademais da súa actividade deportiva habitual, o club lucense destaca pola organización de competicións e eventos de ámbito estatal. Entre eles figura o Campionato de España de Seleccións Autonómicas infantil e cadete, celebrado en Lugo o pasado mes de xuño e que reuniu preto de 1.500 deportistas procedentes de diferentes puntos do país.
A actividade competitiva continúa esta fin de semana co I Torneo Internacional Cidade de Lugo, que terá como escenario o pavillón municipal. No torneo participa o Arenal Emevé, que se enfrontará a clubs como o Leixões SC de Portugal e o Ocisa Haro de La Rioja.
A subvención aprobada pola Deputación permitirá apoiar especificamente o desenvolvemento da actuación "Impulsando a enerxía feminina", dentro da aposta do Club Emevé pola continuidade e o crecemento da súa estrutura deportiva feminina.