A Deputación destina 25.000 euros á Mancomunidade da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano García, asinaron esta mañá un convenio de colaboración por un importe de 25.
72457831_2486711234881532_838194487363633152_n
4 Out 2019

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano García, asinaron esta mañá un convenio de colaboración por un importe de 25.000 euros co fin de continuar desenvolvendo proxectos para fomentar o turismo na Mariña. A sinatura do acorto tivo lugar no Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, en Burela, un emblema dos atractivos turísticos da comarca, nun acto ao que asistiron rexedores e representantes dos concellos que integran a Mancomunidade.

Na súa intervención, o presidente subliñou que este convenio ten como obxectivo “darlle continuidade e impulso a un proxecto de unidade e de busca de sinerxías para impulsar o desenvolvemento económico e social desta comarca, como é a Mancomunidade de Municipios da Mariña”. 

Tomé Roca tamén quixo incidir en que “as iniciativas que se desenvolven baixo o paraugas deste convenio teñen que servir para lograr a desestacionalización do turismo, conseguir a diferenciación con respecto a outras zonas e ser a chave que axude a que os visitantes queden a durmir varios días na Mariña”. Ademais, enxalzou os plans postos en marcha ata o momento pola Mancomunidade, coma a revista +QueAMariña  ou audioguías teatralizadas que inclúen información sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro con traducións ao inglés, francés e o castelán. 

Durante o acto, o presidente tivo palabras de agradecemento para as corporacións municipais. “Estades traballando na senda axeitada, parabéns a todos por todo o esforzo que facedes, nós reafirmamos o noso firme compromiso coa Mariña e tede presente que seguiredes contando coa alianza da Deputación de Lugo”, subliñou.  

Ao remate do acto, o presidente e os alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras  asistentes participaron nunha visita guiada polo Barco Museo Boniteiro de Burela. 

0.22771596908569