A Deputación destina 35.000 euros para o centro de atención diúrna de Cogami en Fingoi

LugoXa
Cogami que opera cinco centros semellantes en Galicia, ofrece atención diúrna a 35 persoas con discapacidade física no centro de Lugo
Sinatura-convenio-COGAMI
3 sep 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Antón Queiruga Vila, asinaron un convenio no Pazo de San Marcos para a colaboración financeira no Centro de Atención Diúrna Terapéutica Fingoi-Lugo. A Deputación achegará 35.000 euros para apoiar os gastos de funcionamento desta instalación. No acto tamén estivo presente o presidente de COGAMI en Lugo, José Luis Lolo Celeiro.

Cogami que opera cinco centros semellantes en Galicia, ofrece atención diúrna a 35 persoas con discapacidade física no centro de Lugo. A atención proporcionada é individualizada e personalizada, adaptada ás necesidades específicas de cada usuario tras a avaliación realizada por un equipo de profesionais da entidade. O servizo ten como obxectivo principal promover a participación social dos usuarios na súa contorna, mellorar o seu desenvolvemento autónomo, e potenciar as súas funcións físicas, cognitivas e motoras. Ademais, fomenta a adquisición de habilidades sociais e de autosuficiencia.

Este centro complementa outras iniciativas de COGAMI en toda a provincia, incluíndo campañas de sensibilización e actividades formativas. Desde a súa fundación en 1990, COGAMI traballa para a plena inclusión das persoas con discapacidade, defendendo e promovendo os seus dereitos e abordando o illamento que sufrían moitas destas persoas, especialmente no ámbito rural. A colaboración da Deputación de Lugo con COGAMI reafirma o compromiso institucional coa inclusión social e o apoio ás persoas con discapacidade, contribuíndo á continuidade e mellora dos servizos ofrecidos pola entidade.

0.19954895973206