A Deputación destina 50.000 euros ao Arde Lucus 2026 e aborda novas vías de colaboración co Concello de Lugo

LugoXa
A institución provincial formaliza o convenio para impulsar a festa romano-castrexa e analiza proxectos relacionados coa mocidade, infraestruturas, a Protectora de Animais e o San Froilán
Sinatura-convenio-Deputación-e-Concello-de-Lugo
19 Jun 2026

A Deputación de Lugo aprobou e formalizou o convenio de colaboración co Concello de Lugo para contribuír ao financiamento do Arde Lucus 2026 cunha achega económica de 50.000 euros, reforzando así o seu compromiso cun dos eventos culturais, turísticos e económicos máis destacados da provincia e de Galicia.

A sinatura do acordo realizouse no Pazo de San Marcos, coincidindo cun encontro institucional solicitado polo Concello de Lugo dentro da rolda de reunións que a Presidencia provincial mantén cos alcaldes e alcaldesas do territorio para coñecer as súas demandas e fortalecer a cooperación entre administracións. A formalización produciuse poucas horas despois da aprobación do convenio na Xunta de Goberno, permitindo garantir a colaboración económica da institución cun evento que xa se está a desenvolver na cidade.

Os fondos destinados pola Deputación servirán para impulsar diferentes accións relacionadas coa celebración, entre elas a mellora da ambientación urbana, a organización de actividades singulares como o Circo Romano e a instalación de Puntos Violeta, incorporando tamén unha vertente social e de sensibilización ao evento.

Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, a celebración consolidouse ao longo dos anos como unha das principais referencias da recreación histórica en España e como unha das grandes ferramentas de promoción turística da provincia.

A voceira socialista do Goberno provincial e deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que a institución continúa sendo “tamén este ano, a principal institución colaboradora desta festa romano-castrexa”, mantendo unha colaboración sostida desde os seus inicios e contribuíndo a converter o Arde Lucus nun dos sinais de identidade máis recoñecibles tanto da cidade como do conxunto da provincia.

A deputada tamén incidiu na repercusión económica e na proxección territorial da celebración, sinalando que cada edición reúne milleiros de visitantes, dinamiza a actividade económica local e impulsa sectores como o comercio, a hostalaría e os servizos, ao tempo que reforza a imaxe de Lugo dentro e fóra das súas fronteiras.

OUTROS ASUNTOS

Durante o encontro institucional entre a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a presidenta da Deputación, Carmela López, tamén se abordaron outros asuntos de interese para o municipio. Entre eles destacou a proposta para recuperar o antigo polideportivo da OJE, situado xunto ao edificio principal da Deputación, co obxectivo de transformalo nun novo espazo dirixido á mocidade lucense para actividades deportivas, culturais, formativas e de lecer.

Na reunión tamén se tratou a situación da Protectora de Animais de Lugo, trasladándose a importancia de que a Deputación participe no futuro convenio de colaboración entre Concello, Xunta e institución provincial para garantir o desenvolvemento deste proxecto.

Outro dos temas analizados foi a posibilidade de recuperar a colaboración das brigadas do Parque Móbil Provincial para tarefas de mantemento e conservación das vías municipais, un servizo suspendido desde o pasado 4 de maio.

Ademais, a alcaldesa subliñou a relevancia de manter a colaboración económica da Deputación co San Froilán, lembrando a participación provincial no financiamento da edición de 2025, cunha achega de 370.000 euros sobre un orzamento total de 1.521.000 euros. Considera que este apoio resulta fundamental para continuar fortalecendo unha celebración que cada ano atrae milleiros de visitantes e xera un importante retorno económico.

No encontro tamén se analizaron cuestións relacionadas coas obras da Fervedoira, no tramo comprendido entre a Avenida Adolfo Suárez, desde a rotonda de Serra de Meira ata o final da zona edificada.

A reunión desenvolveuse nun clima de diálogo e cooperación institucional, coa vontade compartida de continuar impulsando iniciativas orientadas ao desenvolvemento da cidade e á mellora da calidade de vida da cidadanía lucense.

0.14239001274109