A Deputación e o Concello de Portomarín asinan un convenio para crear un Centro de Atención a Maiores

LugoXa
A Deputación de Lugo e o Concello de Portomarín asina un convenio para crear un Centro de Atención a Maiores
Sinatura Convenio CAM Portomarín
Sinatura Convenio CAM Portomarín
2 feb 2023

O Pazo de San Marcos acolleu hoxe a firma do convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Portomarín para crear un Centro de Atención a Maiores neste municipio.

Un acordo a través do que a institución provincial compromete 1,6M€, mentres que o Concello asumirá 200.000€. “Neste mandato conseguimos abrir 6 residencias de maiores. Polo tanto, coas tres que había xa en marcha, hoxe temos na Deputación de Lugo unha rede de 9 centros de atención a maiores noutros tantos concellos da nosa provincia”, subliñou o presidente José Tomé.

"Un fito importante”, engadiu, pero “non nos quedamos aquí”. “Seguimos traballando, dedicando un enorme esforzo económico e de xestión, para cumprir con todos os compromisos que temos cos concellos en materia de residencias”, incidiu José Tomé, que enmarcou neste traballo intenso e continuo a firma do convenio de Portomarín.

O Presidente cumpre coa palabra dada ao Concello e aos veciños e veciñas, tras superar inconvintes alleos á Deputación, asinando un acordo que segue “o modelo asistencial que temos implantado nesta institución”. Desta forma, “en consenso co alcalde, pasamos de vivendas tuteladas a unha residencia con practicamente un coidador por residente, que favorece o arraigo das persoas maiores, e que crea actividade económica e emprego”, explicou.

José Tomé asegurou que hoxe “é un día de satisfacción porque continuamos cumprindo coa provincia, continuamos cunha política de feitos, que é a única útil para a cidadanía”, aínda que “temos que lamentar de novo a falta de apoio da Xunta de Galicia, a administración que por Lei ten as competencias en servizos sociais e que, sen embargo, segue sen colaborar para nada coa Deputación para construír e abrir estas residencias que tan bo servizo están prestando na nosa provincia”.

A institución abriu dende o ano 2019 con José Tomé Roca como Presidente 6 residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-. Polo tanto, conta xa con 9 centros de atención a maiores, que ofrecen en total máis de 300 prazas asistenciais e manteñen uns 230 postos de traballo directos, o 95% deles ocupados por mulleres.

Ademais, a Deputación segue traballando para sacar adiante proxectos noutros concellos: A Pontenova (que xa está en obras); Guitiriz (adxudicada);  A Pobra do Brollón (en fase de licitación); Becerreá (en proceso de instalación dun centro de transformación eléctrica e do equipamento); Pantón (redactado o proxecto e asinado o convenio); Ourol; Folgoso do Courel; e Cervantes.