A Deputación financiará unha grada no campo municipal de Castro Ribeiras de Lea

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará a instalación dunha grada no campo de fútbol sintético do municipal de Castro Ribeiras de Lea.
Efrén Castro mantivo nas últimas semanas un encontro coa directiva do club, no que se expuxo a necesidade desta estrutura para crear un espazo de abrigo a carón deste campo, onde adestran e xogan as categorías de base do club vermello.
O vicepresidente reuniuse esta mañá co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, para concretar a fórmula de colaboración para financiar o proxecto, que se canalizará a través dun convenio entre as dúas administracións.
O responsable provincial explicou que “unhas instalacións adaptadas ás necesidades dos usuarios e usuarias facilitan a práctica do deporte, sobre todo nas categorías de base, que son as que utilizan fundamental este campo” e, neste sentido, valorou “o traballo de formación deportiva que ven desenvolvendo o club nos últimos anos”.
O CD Castro, fundado en 1980, afianzou nos últimos cinco anos a súas categorías de base, con equipos en todas as categorías de formación, desde prebenxamín ata xuvenil, como canteira e relevo para o equipo sénior, que compite esta temporada en Primeira Futgal.
O club suma preto de 200 licenzas de xogadoras e xogadores, do concello e da comarca, ademais de persoal técnico e auxiliar.