A Deputación impulsa a rehabilitación da Protectora de Animais de Lugo

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo, Miguel Fernández Méndez, informou este venres da aprobación, por parte da Xunta de Goberno, do convenio de colaboración entre a institución provincial, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para rehabilitar as instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo.
O acordo contempla un investimento de preto de 745.000 euros, financiado a partes iguais polas tres administracións implicadas. Deste xeito, cada unha delas achegará arredor de 250.000 euros para facer posible unha actuación que, segundo destacou o deputado, chega tras anos de espera.
Ademais da contribución económica, Miguel Fernández explicou que a Deputación iniciou este mesmo venres o procedemento para ceder á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo o uso da parcela na que se atopan as instalacións por un período de dez anos. Segundo indicou, este trámite é un paso necesario para dotar de estabilidade ao proxecto e facilitar a execución das obras de rehabilitación.
No que respecta ao financiamento, o deputado puxo en valor o papel da institución provincial, subliñando que é a única das tres administracións que realizará a totalidade da súa achega ao longo deste ano 2026.
"Non adiamos o investimento nin trasladamos a responsabilidade ao futuro. Poñemos preto de 250.000 euros enriba da mesa desde o primeiro momento porque entendemos que nin os animais nin as persoas que os coidan poden seguir esperando", afirmou.