A Deputación informa de cortes puntuais de tráfico en Begonte e Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Os traballos, que desenvolve a empresa Ovisa Pavimentos e Obras SLU, consisten na limpeza dos laterais, a execución das drenaxes en dous puntos da vía
Obras-LU-P-1611-Begonte
7 Ago 2024

As obras do cinto comarcal, nas que a Deputación de Lugo inviste máis de 770.000 euros, avanzan estes días coa pavimentación do firme en dous tramos.

Así, hoxe e mañá, 8 de agosto, haberá cortes puntuais de tráfico á altura do polígono industrial de Begonte, na intersección coa N-VI, pola instalación da tubaxe; e en Castro de Rei comeza o estendido do aglomerado entre os puntos quilométricos 93,6 e 94,3.

No caso das obras que se desenvolven estes días na LU-P-1611 en Begonte, o proxecto completo consiste no acondicionamento da vía desde o punto quilométrico 49,9 ao 57,1. Un tramo que afecta a esta estrada ao seu paso polos concellos de Friol, Outeiro de Rei e Begonte e para o que a institución provincial destina máis de 700.000 euros.

Os traballos, que desenvolve a empresa Ovisa Pavimentos e Obras SLU, consisten na limpeza dos laterais, a execución das drenaxes en dous puntos da vía pola presencia de mananciais que afectan á durabilidade do firme; a pavimentación con aglomerado en quente e a reposición da sinalización vertical e horizontal.

No tramo que vai desde o punto quilométrico 93,6 ao 94,4, á altura de Castro de Rei, comezou este mércores o estendido do aglomerado. Neste caso, os traballos que executa a empresa Cholo SL incluíron tamén a mellora da drenaxe e o fresado da vía. Unha vez rematada a pavimentación, quedará o pintado da vía con marcas reflexivas brancas.

Desde que José Tomé Roca é presidente da Deputación de Lugo, no ano 2019, a institución provincial investiu en torno a 3,3 millóns de euros no mantemento e conservación desta estrada, de especial relevancia para as comunicacións da provincia. O cinto comarcal conta con 131 quilómetros de lonxitude e dá servizo a uns 134 mil veciños e veciñas. Polo tanto, debido as características desta vía debería ser de titularidade da Xunta de Galicia, tal e como o presidente veu reiterando en múltiples ocasións.

0.15998411178589