A Deputación inicia o estendido de aglomerado en quente nun novo tramo do cinto comarcal no Corgo

LugoXa
A institución inviste 140.942 euros na mellora de máis de 1,5 quilómetros da LU-P-1611 entre Camposo e Pacios
Obras-cinto-comarcal-O-Corgo-Deputación
23 Feb 2026

A Deputación de Lugo comezou os traballos de estendido de aglomerado en quente nun novo treito do cinto comarcal, a estrada LU-P-1611, ao seu paso polo concello do Corgo. A actuación céntrase nun tramo de algo máis dun quilómetro e medio, concretamente entre os puntos quilométricos 9,020 e 10,725, que une a parroquia de Camposo co núcleo de Pacios, na parroquia de Cela.

O organismo provincial destina a esta intervención un investimento de 140.942 euros, sendo a empresa Francisco Gómez y Cía. SL a encargada da execución das obras. Unha vez finalicen os labores de pavimentación, procederase ao pintado da vía e á reposición da sinalización vertical. O prazo previsto para completar o conxunto dos traballos é de mes e medio.

Esta intervención engádese a outras melloras impulsadas pola Deputación nesta mesma estrada ao seu paso polo Corgo. Entre elas figura a actuación realizada entre o Alto de Gomeán e a parroquia de Marei, á altura de Maceda, onde se investiron arredor de 500.000 euros. Ademais, a finais do mes de xaneiro a institución provincial sacou a licitación outro proxecto valorado en preto de 755.000 euros para acondicionar tres novos tramos desta vía nos concellos de Outeiro de Rei, Begonte e O Corgo.

A LU-P-1611 constitúe unha infraestrutura clave para as comunicacións na provincia, xa que conecta de maneira directa 11 concellos e enlaza con importantes vías autonómicas e nacionais como a A-6, a A-54, a N-VI e a N-540.

0.086409091949463