A Deputación investirá máis de 800.000 euros na renovación integral da avenida Adolfo Suárez

LugoXa
A actuación desenvolverase en dúas fases para mellorar un dos principais accesos á cidade e reforzar a mobilidade cara á futura Estación Intermodal
Rehabilitación-Avenida-Adolfo-Suárez-Lugo
6 Mar 2026

A avenida Adolfo Suárez será obxecto dunha renovación completa grazas a un investimento de 809.138,23 euros financiado pola Deputación de Lugo. Trátase dunha vía estratéxica, xa que constitúe un dos accesos principais á capital pola zona da Fervedoira e está chamada a converterse nunha das conexións coa futura Estación Intermodal desde a autovía A-6.

O proxecto estrutúrase en dúas fases. A primeira delas centrarase no tramo comprendido entre a glorieta situada na confluencia coas rúas Serra de Meira e Montero Ríos e o final do solo urbano. A presidenta da Deputación, Carmela López, avanzou que estes primeiros traballos xa foron licitados por algo máis de 200.000 euros e que a previsión é que se adxudiquen ao longo deste mes de marzo para que as obras poidan comezar canto antes.

Segundo explicou a responsable provincial, esta primeira intervención estará orientada principalmente á mellora do pavimento da vía. Os traballos incluirán o fresado do firme actual e a posterior repavimentación mediante aglomerado en quente para reforzar o estado da calzada.

Ademais da renovación do firme, o proxecto contempla actuacións complementarias destinadas a mellorar as infraestruturas existentes. Entre elas inclúense a reposición dunha tubaxe da rede de sumidoiros, o axuste das tapas e a substitución daquelas que presenten deterioro. Tamén está prevista a reparación dun sumidoiro situado na intersección coa rúa Venancio Senra.

Unha vez completadas estas actuacións, procederase á sinalización horizontal da vía mediante marcas reflexivas brancas e amarelas, así como á instalación dos fitos correspondentes e á reposición das sinais que se atopen en mal estado.

Carmela López destacou que esta intervención contribuirá a mellorar a imaxe da zona leste da cidade e favorecerá o seu desenvolvemento urbano. Segundo subliñou, o proxecto permitirá garantir a accesibilidade e avanzar cara a unha mobilidade máis eficiente e segura para os veciños e veciñas de Lugo.

A presidenta provincial tamén puxo en valor o compromiso da Deputación, poñendo en valor outras intervencións recentes da institución provincial na capital lucense, como o desdobramento da avenida Infanta Elena, cun investimento de 2,4 millóns de euros; as obras de mellora nun tramo da LU-P-2902, a estrada que conecta Lugo con Ponte de Ombreiro, nas que se destinaron 210.000 euros; e os traballos previstos na rúa Filarmónica, licitados recentemente por case 100.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que os accesos á cidade xogan un papel fundamental no modelo urbano no que está a traballar o Goberno municipal. Neste sentido, lembrou actuacións recentes como a posta en valor da avenida de Madrid ou o desdobramento da avenida Infanta Elena, ás que agora se suma a intervención na avenida Adolfo Suárez.

O rexedor explicou que esta primeira fase forma parte dun proxecto máis amplo que contempla unha segunda etapa destinada a dotar este acceso de beirarrúas e dun trazado máis adecuado. Ao seu xuízo, trátase dunha actuación de grande relevancia para Lugo, que permitirá mellorar a seguridade viaria, facilitar a mobilidade e ofrecer unha imaxe urbana acorde coa cidade que se pretende construír.

0.12602996826172