A Deputación inviste en estradas de Xove e A Pontenova

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación dun conxunto de obras enmarcadas no Plan Especial de Rehabilitación de Firmes (PERF) cun investimento de case 800.
17 Nov 2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación dun conxunto de obras enmarcadas no Plan Especial de Rehabilitación de Firmes (PERF) cun investimento de case 800.000 euros para os concellos de Xove, A Fonsagrada e A Pontenova.  A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, deu conta do bo ritmo que leva o PERF porque “a día de hoxe xa foi executado ou está en período de execución case o 90 % dos proxectos”.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, García Porto explicou que no caso de Xove se vai acondicionar a estrada LU-P- 2601, “que conecta o núcleo da localidade co Portiño de Morás, son case 3 quilómetros de melloras, dende o punto quilométrico 0,4 ata o 2,85”. Para estas obras a Deputación inviste 271.645 € e as actuacións consisten na ampliación do ancho da plataforma, que permitirá ter dous carrís de 2,75 metros cada un. Tamén se vai drenar e afirmar as zonas ensanchadas e posteriormente pavimentarase a calzada con aglomerado en quente. 

En canto ás actuacións no do concello da Pontenova “adxudicáronse un conxunto de actuacións por algo máis de 310.000 € e serán unhas melloras que consistirán na pavimentación con aglomerado en quente e nova sinalización horizontal”, afirmou García Porto. Trátase da estrada LU-P-4802 que conecta Santalla-Navallo con Ponte Soutelo, entre os quilómetros 8 e11; tamén se vai actuar na LU-P-4806, a vía que vai dende Vilaxe ata Ribeira de Piquín nun treito de máis de 2 quilómetros; e na LU-P-4809, estrada que conecta a parroquia de Conforto con Souto de Mogos, nun treito de máis de 1 quilómetro.

Pola súa banda, no concello da Fonsagrada o investimento nas obras é de 198.199 € para acondicionar a estrada LU-P-1911, unha vía que une Mesón Novo con O Ventorrillo e Chao de Vaga. “As actuacións faranse entre os puntos quilométricos 7,5 e 9,5. E logo, tamén entre o punto quilométrico 11,5 e 14,3”, mencionou.

Polo demais, a Xunta de Goberno deulle o visto e prace a un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo por importe de 123.000 euros co obxectivo de sufragar os gastos da actuación CEL Estudo e Difusión deste ano.

0.14374589920044